Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegación de Cultura de Burela repartirá o libro “Os Bolechas van de viaxe. O bonito de Burela”

BURELA .- A alcaldesa en funcións e responsable de Cultura, Neves Cando, presentou a edición do libro de Os Bolechas adicada a Burela titulado “Os Bolechas van de viaxe. O bonito de Burela” do debuxante Pepe Carreiro. O libro vaise distribuír a vindeira semana na Feira do Bonito en setembro será entregado coma agasallo aos nenos da escola infantil e aos alumnos de primaria.
A alcaldesa en funcións, Neves Cando, subliña que  “é unha aposta que fixemos desde a delegación de Cultura pola lectura, pola nosa cultura, polas nosas tradicións e polo noso pobo. Unha aposta que supón a promoción de Burela”.
A viaxe de Os Bolechas por Galiza xa pasou por Lugo e Monforte de Lemos ou Ferrol, Pontevedra, Compostela e Vigo.

Nota de Prensa

O CONCELLO REPARTIRÁ 2.000 EXEMPLARES DO LIBRO OS BOLECHAS VAN DE VIAXE.O BONITO DE BURELA, DURANTE A FEIRA DO BONITO DA VINDEIRA SEMANA E AO INICIO DO CURSO ESCOLAR ENTRE OS ALUMNOS DE INFANTIL E PRIMARIA.

Burela, 23 de xullo de 2008. A alcaldesa en funcións e concelleira de Cultura, Neves Cando, presentou hoxe unha edición especial de Os Bolechas adicada a Burela. Os Bolechas van de viaxe.O bonito de Burela é un libro de aventuras da editorial A Nosa Terra que esta vez discorre polas rúas, polas praias e polo mar de Burela. Neves Cando considera que <esta colección é sobradamente coñecida polos nosos pícaros polos seus títulos sobre temas xerais de contido educativo, pero ten tamén a vertente viaxeira e preséntanos distintas aventuras pola xeografía galega. Despois de percorrer cidades coma Lugo, Ferrol, Pontevedra, Compostela, Vigo ou mesmo os xogos  olímpicos de Pekín agora chegan a Burela os irmáns Bolechas coas súas aventuras>. A edil nacionalista engade que <Burela será terceira vila da provincia de Lugo onde se localicen as súas aventuras despois da propia capital e de Monforte de Lemos, e será a súa primeira incursión na Mariña>.

Neves Cando conta que o autor da colección, o debuxante Pepe Carreiro visitou Burela durante o mes de maio <e aquí coñeceu de primeira man a nosa tradición boniteira e os nosos lugares máis emblemáticos e a partires de aquí xurdiu O bonito de Burela. Un libro no que poderemos ler a aventura dos seus protagonistas e a súa amiga de Burela na procura dun bonito e poderemos achegarnos a Burela a través do paseo marítimo e da praia da Marosa, ao faro, á zona xeolóxica de Castrelo, á Casa da Cultura e á Casa do Concello, ao peirao, ao noso barco museo e remataremos degustando empanada na feira do bonito>. A concelleira de Cultura asegura que <é pois un libro de aventuras e de viaxes para os máis pequenos pero tamén un libro que mostra a Burela ao exterior e que promociona os nosos lugares máis fermosos. Nós presentámoslle a idea á editorial e na súa liña de facer libros sobre as vilas e cidades galegas, acolleu moi ben a iniciativa e a nós parecéunos a mellor idea para promocionar non só a lectura senón tamén turísticamente o noso Concello>.

Os Bolechas van de viaxe. O bonito de Burela váise distribuir a vindeira semana na festa da bonito e despois en setembro cando comence o novo curso escolar será entregado coma agasallo aos nenos da escola infantil e aos alumnos de primaria. Neves Cando anuncia que <teremos ademáis a honra de contar con Pepe Carreiro para que nos conte diante dos alumnos de secundaria o seu labor  á fronte desta colección de libros tan coñecida e recoñecida no noso país. É unha aposta que fixemos desde a delegación de Cultura pola lectura, pola nosa cultura, polas nosas tradicións e polo noso pobo. Unha aposta que supón a promoción de Burela entre os máis pequenos e entre o público en xeral. Agardamos que esta iniciativa guste aos nosos nenos, que gocen coa lectura desta aventura e que se sintan identificados coas nosas paisaxes>.

Exit mobile version