Site icon Crónica3.com A Mariña

Cortado camiño municipal empregado pola empresa que fai a autovía A-8

RIBADEO.- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ordeou nas últimas horas cortar un camiño de titularidade municipal próximo á cooperativa dos Irmandiños que estaba a ser empregado por camións de grande tonelaxe que traballan nas obras da Autovía do Cantábrico, no treito entre Reinante e Ribadeo. O rexedor asegura que a Policía Local advertíulle desta posibilidade á empresa OHC e aos camioneiros que transitaban pola zona “dixémoslles que cortaríamos o camiño ata que depositasen a fianza correspondente que establecerá o arquitecto municipal. Unha medida que non ten un afán recadatorio. O único que queremos é que se respeten as vías públicas porque despois todo son boas palabras e un día marchan e os que quedan co paquete das estradas en mal estado somos os veciños e o alcalde”. Fernando Suárez engade que “diante do incumprimento desa indicación verbal din a orde de cortar ese camiño prohibindo o acceso a eses camións baixo a miña responsabilidade e si queren levarnos ao xulgado poden facelo. Por parte do Concello non se autorizará o paso de camións de grande tonelaxe nin desta obra nin doutras que poida haber ,que nos estropean os camiños municipais, sin que teñan depositada unha fianza que poida responder dos danos que poidan ocasionar neses viais públicos. Que non hai desperfectos a fianza devólvese e aquí paz e despois gloria, pero entretanto esto non é nin Mozambique nin Tanzania nin un país tercermundista. Esto é Ribadeo e aquí as cousas están regladas”.

O alcalde de Ribadeo lembra que o vial en cuestión “xa foi fonte de polémica hai uns meses por parte da empresa FCC que fixo o tramo de autovía en Ribadeo e que estropeou ese camiño e outros moitos que logo deixou a medio reparar, algo que a día de hoxe temos prácticamente impugnado. Houbo un acordo entre os diferentes grupos para pedirlle á Demarcación de Estradas que se faga cargo desta reparación ou que lle ordee a FCC a que a realice. E agora con todo esto coleando e sen resolver voltamos a sofrir unha situación similar”.

Exit mobile version