Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide ao concello que se recicle o aceite doméstico

CERVO.- O grupo municipal do BNG presentou un moción no concello para solicitar que se recolla o aceite doméstico usado. Para iso solicita que se inicie unha campaña de concienciación e a colocación de colectores para a recollida. Deste xeito evitaríase o vertido ao mar de máis de 20.000 litros de aceite e podería reciclarse, co que se evitaría a degradación do contorno e do Medio Ambiente.

O BNG PEDIRÁ AO GOBERNO MUNICIPAL A POSTA EN MARCHA DUNHA CAMPAÑA PARA A RECOLLIDA DE ACEITE ALIMENTARIO USADO.
A reciclaxe deste residuo evitaría o vertido ao mar de 20.000 litros anuais e o aproveitamento dunha materia prima valiosa que pode ser reciclada.
O Grupo Municipal do BNG presentará unha moción para o seu debate plenario na que se insta ao goberno municipal a iniciar unha campaña de concienciación cidadá para a reciclaxe de aceites alimentarios usados e a instalación de contedores para a súa recollida e reciclaxe
Numerosos concellos do país e algúns da comarca da Mariña xa dispoñen dun servizo de recollida para o aceite alimentario usado sen que en Cervo se perciba ningunha iniciativa deste tipo por parte do goberno municipal.

Os refugallos do aceite usado pola elaboración de alimentos tanto nas vivendas de particulares como de bares e restaurantes causan un importante efecto nocivo para o medio ambiente, ademais de provocar atascos tanto nas redes particulares como nas xerais de saneamento. Calcúlase que un só litro de aceite pode contaminar en torno a 100 litros de auga e que por cada 4 persoas prodúcense ao ano aproximadamente de 18 a 21 litros de aceite usado co que os 4740 habitantes censados no concello tirarían polo vertedoiro en torno a 20.000 litros ao ano.

Dende o BNG entendemos que as administracións públicas deben traballar aportando solucións a problemas cotiás e o concello como administración mais preta aos cidadás debe recoñecer as demandas de servizos para poñerlles solucións dentro das súas posibilidades. O aceite de fritura usado segundo a Lei 10/1998, do 21 de abril, de Residuos, encádrase dentro dos residuos urbanos ou municipais, asemade, esta lei establece que o posuidor destes residuos ten a obriga de entregalos a un xestor autorizado para a súa valorización-reciclaxe ou eliminación, primando a primeira opción cando sexa factible. Aínda que o Código Europeo de Residuos (CER) clasifique este residuo como non perigoso provoca a morte da flora e fauna acuática ao impedir o intercambio normal de osíxeno ademais de supoñer un desperdicio dunha materia prima valiosa que pode ser reciclada.

Para o BNG, a posta en marcha deste servizo contribuiría á mellora medio ambiental e a súa reciclaxe permitiría a reutilización como biodiesel, abono orgánico ou xabón, si se canaliza a xestión do residuo polos conductos axeitados.

Cervo, 17 de xullo de 2008.
Asdo.: Xoán Antonio Estúa García.
Concelleiro portavoz do BNG

Exit mobile version