Site icon Crónica3.com A Mariña

A metade dos inscritos na bolsa de emprego do concello de Burela atoparon traballo

BURELA .- A metade dos 217 inscritos desde xaneiro deste ano na bolsa de emprego do Concello de Burela xa atoparon un traballo. Os datos facilitounos hoxe a concelleira de Emprego, Sonia Fraga, que destacou que “o 57 por cen deses demandantes de emprego son inmigrantes ou persoas en risco de exclusión social, e hai un 16 por cen de mulleres que buscan un traballo axeitado ás cargas familiares que teñen, o que nos demandan son horarios laborais compatibles coa súa situación persoal”.
Segundo a edil socialista “o nivel de inserción da nosa bolsa de emprego está no 46 por cento. Este verán moitos estudantes que quixeron comezar a traballar durante este período puideron facelo sen problema”. Sonia Fraga engade que “temos 68 persoas que están traballar, 16 que xa teñen un contrato estable e outras 16 que se atopan inmersas en procesos selectivos de inserción. Isto reflicte que se está a traballar por acadar un índice de inserción laboral alto, e de momento estamos satisfeitos cos resultados que estamos a colleitar”.
A responsable de Emprego tamén conta que “hai 48 empresas privadas e 7 de contratación temporal que colaboran coa nosa bolsa de emprego. Estas firmas asinaron un compromiso coa oficina municipal de emprego mediante o que rexistran as ofertas laborais que pretenden cubrir… teñen este servizo do que se poden axudar e beneficiar para a contratación dos seus traballadores”.
Sonia Fraga lembra que “esta bolsa está atendida por un axente de emprego que recaba a información dos usuarios que buscan un emprego e encárgase da intermediación coas empresas colaboradoras. Os usuarios da bolsa coñecen técnicas coma habilidades sociais, comunicación social ou aparencia persoal, que lles axudarán a que se sexa máis fácil acceder a unha entrevista de traballo ou a optar a unha oferta laboral”. A edil de Emprego destaca que “a oficina de emprego municipal está aberta a calquera orientación laboral, tanto para os que buscan un emprego como para os que xa o teñen e queren mellorar as súas condicións laborais. Tamén poden coñecer os dereitos dos traballadores e recibir información sobre os convenios”.

Exit mobile version