Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA solicita que o xacemento xeolóxico de Arealonga de Foz sexa declarado Monumento Natural

FOZ.- ADEGA súmase á demanda da Universidade de promover a conservación do xacemento xeolóxico do areal de AREALONGA (FOZ) solicitando da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a súa declaración como MONUMENTO NATURAL. Solicita tamén do concello de FOZ que se sume a esta petición para que, conxuntamente coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, interveñan ante a Dirección Xeral de Costas do Estado a fin de que se revise o proxecto previsto e podan ser conservados e postos en valor os valores científicos e culturais deste xacemento xeolóxico.

NOTA DE PRENSA

A Dirección Xeral para a Sustentabilidade da Costa e do Mar, do Ministerio do Medio Ambiente, por medio da Resolución publicada no BOE nº 142 do 12 de Xuño pasado, vén de adxudicar, nun importe total de 1.531.000 Euros, o proxecto denominado “Estudo integral de la playa de Arealonga y su entorno inmediato, fse I, término municipal de Foz”.

Este proxecto vai consistir na protección impermeable e ríxida, por medio de muro de formigón, do pé do talude todo ao longo do areal de Arealonga e previo a esta actuación levaráse a cabo o acondicionamento do referido talude mediante o retranqueo, en 5 m, do seu pé, a retirada de 70.000 m3 de terras máis o terraplenado de 3000 m3 máis, coa finalidade de facer unha remodelación da súa pendente ata conquerir unha relación 2,5H/1,0V, para acabar coa revexetación final do talude mediante sementeira por aspersión e a construcción dun paseo marítimo de 3 m de ancho na parte alta do talude así remodelado.

Todas estas accións, sen embargo, van sinificar a destrución do máis valioso xacemento xeolóxico e paleontolóxico do noso litoral, de enorme interese científico para o estudo do paleoclima e da flora, a fauna, a paisaxe e a ecoloxía dos útimos 120.000 anos que van dende o final do último período interglaciar (entre a glaciación do Riss e a glaciación do Würm) ata a actualidade. Sobre os valores científicos deste depósito xeolóxico de Arealonga, chega con citar as numerosas teses, traballos de investigación e publicacións científicas que se teñen feito sobre Arealonga, dende que nos anos sesenta o investigador francés Henri Nonn descubrira as zonas de turba da desembocadura do río Moucide. Dos traballos deste investigador francés, continuados e completados polo francés G. Mary e o alemán Brosche na década dos setenta e máis tarde por Díaz Fierros e Saá Otero, na década dos oitenta, e polo Laboratorio de Xeografía e Biodiversidade da universidade de Santiago na década dos noventa, podemos hoxe saber que se trata dun xacemento no que podemos encontrar un primeiro estrato de cantos rodados sobre o que se van superpoñendo alternativamente depósitos de turba e area dunar que abarcan todo o período da última glaciación ata a actualidade a partir dos que podemos reproducir, a través dos seus restos de esporas, polen e micro-restos de flora e fauna, as condicións climáticas e ecolóxicas que se sucederon durante os 120.000 últimos anos.

Á vista de todos estes valores científicos sobre os que, a través dos medios de comunicación, vén de advertirnos recentemente a Universidade de Santiago, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza vén de dirixirse á Dirección Xeral de Conservación da Natureza solicitando da mesma que, acolléndose ao disposto na vixente lexislación de espazos protexidos, se inicie de inmediato o procedemento para declarar este xacemento xeolóxico e paleontolóxico como MONUMENTO NATURAL e para que, tamén de forma inmediata, se tomen todas as medidas necesarias para a conservación e protección do xacemento, e intervindo, polo tanto, ante a Dirección Xeral de Costas para que se proceda á revisión do proxecto de forma que poda ser compatible coa conservación dos seus valores científicos e culturais.

Por outra parte, habida conta de que os valores científicos e culturais deste xacemento de Arealonga, -debidamente conservados e postos en valor-, poden constituir un recurso didáctico de gran interese para toda a comunidade escolar e, ademais, un recurso económico turístico para, -complementariamente con outras actuacións como poden ser dotar ao xacemento dun dun aula de interpretación, a recuperación e posta en valor do castro colindante de Fazouro, a recuperación das antigas fábricas de salazón de Nois ou o apoio do Centro de interpretación da Mariña actualmente en execución-, diversificar a oferta turística da comarca, ADEGA vén de solicitar tamén do Concello de Foz que interveña ante a Dirección Xeral de Costas a fin de que se proceda á revisión do mencionado proxecto e os recursos económicos comprometidos no mesmo podan ser invertidos na conservación e posta en valor deste xacemento xeolóxico de primeira importancia.

Á vista dos informes da Universidade sobre o interese científico e cultural deste xacemento xeolóxico e á vista dos numerosos traballos de investigación e publicacións a que tén dado lugar, sería, dende logo, absolutamente indefendible que non souberamos protexelo, conservalo e poñelo en valor.

Exit mobile version