Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela recibe 136.000 euros de Vicepresidencia

BURELA .- A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ven de concederlle unha subvención de 136.471 euros ao Concello de Burela, que segundo a edil responsable de Benestar Social, Neves Cando, “supón 20.000 euros máis que no ano 2007”. Eses cartos permitirán “contar con máis persoal para traballar na axuda a domicilio e poñer en marcha servizos coma o denominado Xantar na casa… quere isto dicir que estamos apostando ano tras ano polos servizos sociais do noso Concello, un departamento que para este 2008 conta cun orzamento total de 290.000 euros”, segue a contar a concelleira nacionalista.

Axuda a domicilio

Neves Cando explica que parte desa subvención concedida pola Xunta irá destinada a “poder dispoñer de dúas persoas a xornada completa no noso departamento no que traballan unha asistente social e unha traballadora social. Queremos tamén desenvolver o programa de axuda a domicilio que hoxe en día ocupase de preto de 60 familias do noso Concello, e que conta con 7 empregadas municipais, das que 6 cobren unha xornada de 6 horas diarias e 1 fai 3 horas diarias”.

A edil nacionalista anuncia que “este ano imos desenvolver o programa de axuda no fogar para as persoas dependentes xa valoradas no noso Concello. É unha novidade con respecto ao 2007 e supón xa desenvolver para este colectivo as primeiras axudas para a súa vida cotiá”.

Unidade de atención temperá

Neves Cando engade que “esta subvención é tamén unha axuda económica para o mantemento da unidade de atención temperá instalada en Burela e que cubre as necesidades de toda a Mariña con respecto á valoración, diagnóstico, tratamento e coordinación entre os sectores sanitario, educativo e social en canto ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan algúns nenos de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento”.

Xantar na casa

Unha contía económica que tamén lle permitirá ao Concello de Burela “poñer en marcha o servizo de Xantar na casa para as persoas maiores no que xa temos 23 inscritos aínda que temos expectativas de que medre máis porque así nolo fixeron chegar algunhas persoas. Estamos cos últimos trámites… esta semana temos unha xuntanza en Santiago para coordinar todo o proxecto e a mediados de outubro comezará a funcionar en Burela. Trátase, lembramos, de achegarlles a comida á casa aos nosos maiores a un prezo de 2 euros, xa que outros 2 págaos o Concello e os 3,5 euros restantes son unha achega da Vicepresidencia>.

Exit mobile version