Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo aprobou a suba da contribución

CERVO.- Na sesión plenaria celebrada o 24 de setembro a corporación aprobou por unanimidade a modificación da Ordenanza Fiscal número 12, reguladora do Imposto de Bens Inmobles, o que ven supoñer unha suba do que os veciños coñecen como impostos de Contribución. Os membros do goberno afirmaron “que esta actuación vén motivada pola “drástica” perda de ingresos sufrida polo Concello a raíz da redución nos coeficientes de valoración da contribución catastral nos terreos do encoro de Riocovo e o dique sur que a firma Alcoa ten en concesión para as operacións da súa planta en San Ciprián levada a cabo dende o Ministerio de Economía y Hacienda”. Tamén explicaron “que este incremento aprobado onte non afectará aos pequenos valores catastrais, pero si aos asentamentos de grandes empresas, polo que o 95% desta subida repercutirá nesta multinacional”.

REFERENCIAS SESIÓN PLENARIA 24/09/2008 envia polo Concello de Cervo

Cervo, 25 de setembro de 2008.- Os membros da Corporación municipal de Cervo celebraron unha sesión plenaria na tarde-noite de onte que constaba de 17 puntos na súa orde do día.

Xunto remito referencias dos puntos tratados.

PUNTO 1: Aprobación Acta Sesión Anterior (Sesión do 13 de xuño de 2008): Unanimidade.

PUNTO 2.- Acordos que procedan sobre a cancelación da inscrición no Rexistro da Propiedade de Viveiro do monte “Medela e Rozada”, por mor da súa clasificación como monte veciñal en man común polo Xurado Provincial de montes veciñais en man común, expte. Nº 54/78. Aprobado por unanimidade.

PUNTO 3.- Acordos que procedan sobre a aprobación definitiva da Ordenanza Fiscal Número 36, reguladora da Taxa pola Prestación do Servizo de Punto de Atención Infantil (PAI). A aprobación desta taxa reguladora dos servizo de asistencia aos menores que prosperou en exclusiva cos votos do Equipo de Goberno.

PSOE e BNG opuxéronse á mesma a pesar de ter acreditado que as cantidades que se deberán aboar son semellantes ás doutros concellos nos cales tamén dispoñen deste servizo, entre eles algúns gobernados por socialistas, coma Guitiriz. Os responsables do Equipo de Goberno local lembraron que os prezos fixados están dentro das cantidades decretadas pola Xunta de Galicia para prestación deste tipo de servizos municipais. Por outra banda, os edís do Partido Popular sinalaron que Cervo era o único concello da Mariña que non cobraba polos servizos do PAI ata o de agora; e pese a iso “en vez de ser premiados desde o Executivo autonómico reducíronnos as axudas e subvencións recibidas para este servizo ata tal punto que agora xa non podemos asumir o custo da súa gratuidade”. Así mesmo cuantificaron en dous euros ao día o custe medio que terán que aboar os pais que leven aos seus nenos ao Punto de Atención á Infancia cervense e reincidiron en sinalar que a ordenanza prevé bonificacións nas cotas a pagar segundo o nivel renda e segundo as circunstancias familiares (familias numerosas e familias monoparentais, etcétera). Ambas son acumulativas e poden chegar ata o 100% da couta total.

Segundo o Goberno municipal os grupos da oposición cervense actúan con gran demagoxia. “Por unha banda, PSOE e BNG desde a Xunta de Galicia reducen as axudas e investimentos para o PAI, e pola outra critican a viabilidade económica do servizo, toda vez que a demanda de compromiso e apoio realizada desde o executivo cervense cara a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar non obtén resposta.

PUNTO 4.- Acordos que procedan sobre a ratificación do acordo da Xunta de Gobemo Local pola que se procede á fixación dos festivos locais para o ano 2009. Aprobáronse coma festivos locais o 24 de febreiro (martes de Antroido) e o 16 de Xullo (Día do Carme)

PUNTO 5.- Acordos que procedan sobre a adquisición da condición de asociado do GAC nº1 da Mariña-Ortegal (de Ribadeo a Valdoviño). Acordo adoptado por unanimidade.

Os integrantes do grupo de Goberno Local valoraron coma interesante a inclusión do Concello de Cervo neste grupo de acción costeira e confiaron en que este novo organismo que se vai crear nos vindeiros días na comarca “sirva coma motor e dinamizador do sector marítimo – pesqueiro da comarca da Mariña nestes tempos no que o sector e toda a economía vinculada a el está a sufrir un período de crise”.

PUNTO 6.- Acordos que procedan sobre a Modificación da Ordenanza Fiscal Número 12, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles. Este punto foi aprobado por unanimidade

Durante o seu debate os voceiros do Equipo de Goberno cervense afirmaron que esta actuación vén motivada pola “drástica” perda de ingresos sufrida polo Concello a raíz da redución nos coeficientes de valoración da contribución catastral nos terreos do encoro de Riocovo e o dique sur que a firma Alcoa ten en concesión para as operacións da súa planta en San Ciprián levada a cabo dende o Ministerio de Economía y Hacienda. Os responsables locais explicaron que este incremento aprobado onte non afectará aos pequenos valores catastrales, pero si aos asentamentos de grandes empresas, polo que o 95% desta subida repercutirá nesta multinacional.

PUNTO 7.- Acordos que procedan sobre o acordo de cooperación asinado coa Conselleria de Innovación e Industria para o desenvolvemento de redes de telecomunicacións sen fíos de Acceso a Internet de banda larga en polígonos industriais ou parques empresariais. Punto aprobado por unanimidade.

PUNTO 8.- Acordos que procedan sobre o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia. A proposta da alcaldía instando á Xunta a que deixe sen efecto o acordo do Consello do Goberno galego adoptado o pasado 31 de xullo e que volva a incluír no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia o cinto industrial de Alcoa foi aprobada cós votos dos grupos municipais do PP e a abstención de BNG e PSdG-PSOE.

Para os representantes municipais cervenses a supresión do citado plan sectorial galego de áreas industriais deste parque empresarial supramunicipal é unha mostra máis “do nulo interese da Xunta no crecemento e desenvolvemento industrial desta comarca”. Os membros do grupo municipal popular lembraron que Alcoa é a industria máis importante na provincia de Lugo, e unha das máis importantes en Galicia, “pero, sen embargo, é a única que non dispón de solo industrial para que empresas vinculadas a esta multinacional podan asentarse ao seu redor”. Rexeitaron tamén a actitude do BNG en este asunto e acusaron aos nacionalistas de facer un dobre discurso “que raia o esperpéntico”. “Por unha banda piden a apertura do dique de Alcoa e pola outra afogan o desenvolvemento desa zona ao sacar do plan a este polígono” aseguraron. Para os populares cervenses, estas decisións “a golpe de DOGA” contrastan frontalmente co seu discurso de “adalides do progreso e da implicación cós problemas da Mariña”, polo que criticaron que as palabras e os feitos dos nacionalistas vaian por camiños diferentes, dicindo na comarca unha cousa e facendo en Santiago outra ben distinta.

PUNTO 9.- Moción do Grupo Municipal do Partido Popular sobre a Adquisición dos Terreos nos que se asenta o Xacemento Arqueolóxico Punta Atalaia. Moción aprobada cós votos de PP

Neste punto o grupo de Goberno Local salientou a importancia que ten para o Concello de Cervo a preservación dos restos arqueolóxicos atopados na Atalaia e por iso, a proposta do grupo local maioritario persegue que a Consellería de Cultura tome cartas no asunto “e asuma dunha vez por todas as súas competencias e responsabilidades neste tema”. Deste xeito, a proposta aprobada pola corporación cervense acorda instar á Xunta de Galicia e á Consellería de Cultura a que adopten “canto antes” as medidas oportunas para preservar esa zona de ter os vestixios arqueolóxicos achados o interese que se lles vén presupoñendo.

PUNTO 10.- Moción do Grupo Municipal do Partido Popular sobre o Reforzo dos Medios de Salvamento Aéreo na Costa Norte de Galicia. Moción aprobada co voto favorable do PP e BNG

O grupo municipal popular salientou neste aspecto a grave discriminación á que se somete á costa lucense en materia de salvamento marítimo de carácter aéreo, polo que se reiterou a demanda de igualar as prestacións do helicóptero Pesca II, con base en Celeiro, aos restantes existentes en Galicia, con especial fincapé aos pertencentes ao Servizo de Gardacostas de Galicia, xa que a aeronave con base en Vigo vai a ser dotada de dobre tripulación co gallo de eliminar os períodos de inactividade forzosa provocados pola superación dos tempos de voo estipulados para a súa dotación.

PUNTO 11.- Moción do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego para a Instalación de Contedores de Aceite Usado. Esta moción non foi retirada polo voceiro do grupo municipal do BNG, a pesares de telo anunciado na prensa e de comprobar que o Goberno Local xa tiña xestionado a colocación destes colectores no termo municipal.

Os membros do Equipo de Goberno local lembraron que a implantación da recollida de aceites no municipio era un compromiso adquirido polo grupo municipal popular na campaña electoral para eleccións locais e sinalaron que a súa posta en marcha tívose que pospoñer ata agora debido a problemas de carácter burocrático e persoais do edil encargado da área de Medio Ambiente. Así, os representantes do grupo municipal popular valoraron o mantemento da moción por parte do BNG e as súas razóns coma un intento de “sumar medallas” e confrontar por confrontar, xa que as propias explicacións do voceiro nacionalista acerca da falla de compromiso e xestións caían por terra ao comprobar o rexistro de saída municipal, ao que el mesmo ten acceso.

PUNTO 12.- Moción do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego sobre a Apertura do Dique Norte de Alcoa. Neste punto aprobouse incluír o texto dunha emenda presentada polo grupo municipal popular. Finalmente a moción saíu adiante por unanimidade e no acordo a corporación cervense solicíta a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico xeral; a creación dunha autoridade portuaria para a provincia de Lugo; e que se contemplen nos Presupuestos Generales del Estado do 2009 unha partidas específicas para a financiación destas dúas reivindicacións.

A pesar do seu apoio, o grupo popular na corporación cervense quixo lembrarlle ao defensor da moción (o nacionalista Juan Antonio Estua) que o BNG tivera fai un ano a oportunidade de demostrar a súa aposta pola apertura do dique ao tráfico comercial de mercadorías. Foi o 8 de novembro, cando nunha comisión parlamentaria do Congreso dos Diputados se debateu unha emenda do PP “na que se reclamaba a inclusión nas contas estatais de 300.000 euros que serían destinados ao proxecto para apertura ao tráfico xeral do dique norte de Alcoa e a actuacións para a súa adaptación ao tráfico comercial”. Os populares recordáronlle ao voceiro do BNG que entón “o PP quedouse só defendendo esta iniciativa”.

Ademais os representantes do PP na corporación cervense acusaron ao grupo municipal nacionalista de tentar enganar á opinión pública “porque por unha banda veñen aquí con esta moción e fan declaracións e manifestacións grandilocuentes condicionando o seu voto aos orzamentos de Madrid e á semana seguinte saen os seus compañeiros de partido en Santiago e desacredítanos dicindo que a apertura do dique non condicionará o seu voto dos presupostos do Estado”.

PUNTO 13.- Moción do Grupo Municipal do Partido Popular sobre o Sistema de Financiamento dos Concellos. A proposta do grupo popular saíu adiante cos votos favorables dos concelleiros do PP.

Na moción esíxeselle á Xunta que reclame ao Goberno da nación a reforma do sistema de financiamento das Entidades Locais, de xeito paralelo á reforma do sistema de financiamento autonómico. Nese senso os populares salientaron o “hándicap” que están a sufrir todos os concellos “pero sobre todo os pequenos coma o noso” polo drástico estancamento das vías de financiamento locais, “o cal deriva nun estrangulamento da capacidade de acción das corporacións á hora de tentar acometer novos proxectos”.

Tamén afirmaron que esta petición non era unha reivindicación partidista, e lembraron que alcaldes de concellos socialistas e nacionalistas teñen manifestado a necesidade dun reprantexamento no financiamento local, polo que remataron lamentando a falla de sensibilidade para/con os veciños e veciñas de Cervo que amosaron os grupos nacionalista e socialista ao rexeitar a moción.

PUNTO 14.- Moción conxunta dos Grupos Municipais do Concello de Cervo en favor dunha Europa social, da xornada laboral de 48 horas, e da negociación colectiva. Moción aprobada por unanimidade.

PUNTO 15.- Comunicados Oficiais.

PUNTO 16.- Dación de conta de Acordos e resolucións de alcaldía.

PUNTO 17.- Rogos e preguntas.

Exit mobile version