Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo quere un centro de día para maiores

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantivo contactos coa delegada de Vicepresidencia na provincia de Lugo, Blanca Rodríguez Pazos, para tentar situar no termo municipal un centro de día para os maiores do municipio.

Segundo Villares, as conversas coa responsable de Vicepresidencia en Lugo foron “un primeiro contacto” para ver as posibilidades de dispoñer dun destes centros para os maiores cervenses “sen ter que desprazarse a outros concellos circundantes” dixo o alcalde, quen afirmou tamén que este servizo é unha das prioridades do actual Goberno municipal “e unha reivindicación que levamos no noso programa electoral” lembrou. Así mesmo recordou que durante a visita do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, a Sargadelos, hai uns meses, xa tivera a oportunidade de expoñerlle a necesidade de establecer un destes centros en Cervo. “É nela comprometeuse diante de min a dotar ao concello con este servizo” asegurou.

O alcalde dixo que polo de pronto as conversas mantidas entre Concello e Vicepresidencia van encamiñadas a valorar as dúas posibilidades para establecer en Cervo este servizo: “Ou construír un novo edificio, ou ben rehabilitar e adecuar algún dos edificios de titularidade pública existentes no termo municipal para instalar alí o centro de día”. Villares non quixo adiantar cal das dúas opcións é a máis axeitada dende o punto de vista municipal. “Ata o momento é moi cedo para saber cal é a mellor das alternativas. Temos que esperar a que os técnicos fagan o estudo pertinente, e unha vez feito, veremos conxuntamente con Vicepresidencia cal pode ser a mellor solución para poder dar unha cobertura de calidade aos usuarios potenciais deste servizo” matizou o alcalde.

Os centros de Día son centros xerontolóxicos socio-terapéuticos e de apoio as familias, que durante o día prestan atención terapéutica integral e plural as persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no entorno habitual. No concello de Cervo existen actualmente un total de 1.193 residentes maiores de 60 anos, potenciais usuarios deste servizo.

Exit mobile version