Site icon Crónica3.com A Mariña

Limpeza do río Xunco en colaboración

CERVO.- O Concello de Cervo colaborará esta tarde coa asociación de mulleres rurais “As Espalladoras” e traballadores voluntarios de Alcoa nas tarefas de recuperación medio ambiental da canle do río Xunco. Esta iniciativa é promovida dende este colectivo feminino, e enmárcase dentro do programa de coidados medio ambientais do termo municipal e nos plans Acción desenvolvidos pola Fundación Alcoa.

Os traballos -que levarán adiante as integrantes das “Espalladoras”, voluntarios de Alcoa, brigada de Medio Ambiente, Grumir e persoal municipal- consistirán na recollida de todos os obxectos alleos á contorna natural do río e a súa ribeira no treito que discorre entre os lugares de Pedrouzo-Forcón e o de Areal (San Román de Vilastrofe). Ao longo deste treito os refugallos depositaranse en bolsas de lixo nun punto accesible aos servizos de limpeza municipais para darlles traslado aos puntos de depósito e tratamento.

Cabe lembrar que o Concello de Cervo xestionou o preceptivo permiso no pasado mes de decembro diante de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, e a aprobación final foi recibida nas oficinas municipais a finais de agosto.

Segundo indicou o concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Basanta, esta actuación de fomento da cultura ambiental e do coidado de paraxes de especial riqueza natural da nosa contorna próxima ten como obxectivo contribuír á conservación da riqueza natural dos ríos da localidade mediante o labor de mantemento, retirada de obxectos das canles, e limpeza das beiras dos ríos do ámbito municipal. “Por iso, agradecemos a labor conxunta da asociación As Espalladoras e dos traballadores voluntarios de Alcoa. O Concello de Cervo non escatimará esforzos para seguir a colaborar neste tipo de accións que teñen por obxecto valorar e potenciar o noso contorno natural” indicou Basanta.

Exit mobile version