Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros vaise endebedar nun millón de euros máis, según o BNG

BARREIROS .- O voceiro do BNG no Concello de Barreiros cualifica de cinismo e hipocrisía a actitude mantida por parte do alcalde e do concelleiro delegado de Economía no pleno dos orzamentos. Antonio Veiga asegura que “queremos resolver esta polémica estéril sobre os orzamentos porque xa se pronunciou quen se tiña que pronunciar que é Intervención, que di que son nulos de pleno dereito e polo tanto emite un informe desfavorable. Nós diante diso o que temos que facer é acatar o informe de Intervención, quen parece que non o acata é o grupo de goberno e o Sr. alcalde, ademais facendo un exercicio de cinismo e hipocrisía, cando desde o BNG e desde o grupo independente non se presentaron alegacións a esas contas. Home si temos un informe enriba da mesa que di que son nulos de pleno dereito e logo hai unha modificación dos orzamentos e non se convoca a comisión informativa de Economía ¿que alegacións ou propostas se poden facer sobre un orzamento nulo de pleno dereito? Por iso digo que este exercicio de cinismo e de hipocrisía agocha a incapacidade do grupo de goberno para elaborar uns orzamentos”.

Antonio Veiga critica o retardo co que se someteron á aprobación os orzamentos “rematado o mes de setembro e con dous intentos anteriores de borrador que non frutificaron. O informe de Intervención é claro e contundente cando di que o gasto orzamentado non cobre as necesidades básicas e que algunhas partidas están incrementadas. É un orzamento que está cheo de ilegalidades e de irregularidades como é a non convocatoria da comisión informativa e tamén que durante o pleno se nos negase a posibilidade de sermos asesorados por Secretaría-Intervención. Foi o propio alcalde o que lle negou a palabra á secretaria-interventora algo que para nós é inaudito”.

Exit mobile version