Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP reclama no Parlamento a recuperación do Xulgado de Ribadeo

RIBADEO .- O deputado do PP José Manuel Balseiro, publica un comunicado no que insiste na recuperación do Xulgado de Instrución e Primeira Instancia para Ribadeo. Considera que se non se ten feito ate de agro foi polo “intento de engano do BNG”, “os obstáculos postos polo PSOE e porque Zapatero fai oídos xordos”. Xustifica a súa proposta para o achegamento da administración de xustiza ao cidadán e fai unha enmenda aos orzamentos da Xunta para que inclúan unha partida que poda facer realidade o xulgado de Ribadeo.

NOTA DE PRENSA.

COMUNICADO OFICIAL

O Partido Popular de Galicia (PPdeG), a través do seu deputado autonómico José Manuel Balseiro Orol, ten reclamado en diversas ocasións a recuperación do Xulgado de Instrución e Primeira instancia de Ribadeo, unha vez constatado que, a día de hoxe, mudaron substancialmente as circunstancias que deron lugar á supresión deste servizo no ano 1967.

INTENTO DE ENGANO DO BNG
Rexeitamos, en concecuencia, que os deputados do Bloque Nacionalistas Galego intenten engañar e confundir aos veciños desta comarca, desvirtuando o contido da iniciativa que foi obxecto de debate na sesión plenaria do Parlamento de Galicia celebrada esta mañá.
Precisamente, o PPdeG reclamaba, de xeito expreso, no punto 6º da iniciativa que a Xunta de Galicia dispuxera das competencias exclusivas para promover a modificación da demarcación e planta xudicial dentro da nosa comunidade autónoma.
Se como teñen afirmado desde a Xunta, existe xa unha petición oficial da Consellería de Presidencia facendo efectiva esta reclamación ante o Goberno central, de levarse a cabo a nosa proposta obteríamos automáticamente o novo xulgado de Ribadeo.
Malia o expresado, PSOE en BNG votaron en contra da iniciativa do PPdeG, unha vez máis, evidenciando o desprezo do Goberno bipartito polas demandas dos galegos no ámbito da xustiza e polas iniciativas que pretenden avanzar no autogoberno. Dúas cuestións, por certo, que antes o BNG consideraba de interese prioritario.

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS UN OBSTÁCULO
Ata o momento, socialistas e nacionalistas se teñen convertido nun obstáculo para aqueles que, como o Partido Popular de Galicia, están traballando na recuperación deste xulgado.
De feito, o Partido Popular rexistrou unha iniciativa na Cámara autonómica que, na súa literalidade, solicitaba “dirixirse ao Goberno central para que proceda á modificación puntual da actual Lei de Planta e Demarcación Xudicial, de tal xeito que se cree un novo partido xudicial na provincia de Lugo, en Ribadeo, no que inclúa un Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nesta localidade”
Socialistas e nacionalistas rexeitaron esta petición, cando votaron na súa contra o 31 de marzo de 2008 no seo da Comisión de Xustiza da Cámara autonómica. Os partidos que conforman o actual Goberno galego impediron a obtención dun acordo unánime do Parlamento de Galicia e, non debemos esquecelo, entre os deputados que fixeron inviable esta petición está Iago Tabarés, do Bloque Nacionalista Galego.

O GOBERNO DE ZAPATERO FAI OIDOS XORDOS
Non debemos esquecer tampouco que, nas dúas ocasións nas que o Goberno socialista que preside Jose Luis Rodríguez Zapatero adoptou decisións en relación co mapa xudicial galego, esqueceu o xulgado de primeira instancia e instrución de Ribadeo.
Con data do 6 de xuño de 2008 o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto polo que se creaban 146 novas unidades xudiciais, entre elas, 10 novos xulgados de instrución e 7 novas unidades en Galicia. Unha vez máis non se atopa a creación do Xulgado de Ribadeo.
Todo iso a pesar de ser unha reivindicación unánime das forzas locais no concello de Ribadeo, así como unha petición de sentido común en orde a racionalizar o mapa xudicial da Mariña lucense

APOSTA POLO ACHEGAMENTO DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA
O Partido Popular de Galicia mantén a súa disposición para traballar decididamente nos seguintes aspectos:
· Primeiro.- Demandar a creación dun novo partido xudicial en Ribadeo con xurisdición nos municipios da Mariña oriental.
· Segundo.- Promover a modificación da actual estrutura do partido xudicial de Mondoñedo para incorporar nel o municipio de Foz
· Terceiro.- Promover a modificaicón do partido xudicial de Viveiro de tal xeito que teña xurisdición sobre os concellos da Mariña occidental e Burela.

O PPdeG apoia estas petición subliñando a importancia de que se respecte unha dobre esixencia: Que se garanta a continuidade do xulgado de Mondoñedo e que se racionalice a carga de traballo que está a soportar un saturado partido xudicial de Viveiro.
O Partido Popular de Galicia a diferencia do que está a ser a tónica xeral do actual Executivo autonómico bipartito, aposta polo achegamento dos servizos áos cidadáns, por convertir a administración, e en especial á de xustiza, nun espazo próximo a quenes poden verse na necesidade de facer uso dela.

ENMENDA POPULAR AOS ORZAMENTOS DA XUNTA
A maiores, como mostra deste compromiso deste partido con esta reivindicación, xa adiantamos que o Grupo Parlamentario Popular presentará unha emenda no caso de que os orzamentos xerais da Xunta de Galicia para o 2009 -que están a confeccionar socialistas e nacionalistas- non inclúan unha achega especica para este novo xulgado.
O PPdeG quere garantír os investimentos precisos para poñer en servizo esta nova sede xudicial e, xunto a iso, que os veciños da Mariña occidental poidan dispoñer dunhas instalacións axeitadas a este novo servizo. Xa ben sexa adaptando as instalacións do actual xulgado de paz -que son as mesmas que ocupaba no seu día o xulgado de instrución e primeira instancia extinto- ou ben construíndo un novo edificio.

EMPRAZADO A UN DEBATE PÚBLICO
Finalmente o deputado autonómico do Partido Popular, José Manuel Balseiro empraza ao voceiro nacionalista de xustiza, Iago Tabarés a manter un debate público sobre esta cuestión, no día, lugar e hora que se acorde conveniente. Con toda probabilidade a posición do nacionalismo galego no Parlamento de Galicia obstaculizando en todo momento este obxectivo, avergonzará aos seus compañeiros do BNG de Ribadeo que, na figura do seu alcalde, e co unánime apoio do resto das formacións políticas, veñen a reclamar un compromiso máis firme do actual Executivo galego.
Pola contra, a coherencia amosada polo PPdeG que mantén o mesmo discurso na Mariña lucense, en Santiago e en Madrid, servirá para poñer de relevo cales son as forzas que traballan en interse dos veciños desta comarca, desde un punto de vista construtivo, e facéndose eco das reivindicacións máis salientables dos mariñáns, entre as que está, a aposta pola mellora e racionalización do actual mapa xudicial.

Exit mobile version