Site icon Crónica3.com A Mariña

O responsable de Obras e Servizos do concello de Burela desminte o PP e aclara que as praias están ben

BURELA .- o concelleiro de Obras e Servizos de Burela, Pascual Doménech, achaca ó “descoñecemento” do proceso implantado este ano que o edil do PP, Luis Pedre, afirmase que Burela incumpre “unha das condicións de Bandeira Azul” e aclara que “ata o momento todas as praias de Burela resultaron aptas para o baño”. Doménech explica que “se produciu un cambio na metodoloxía de comunicación do resultado da análise das augas das praias” e desmente a Luis Pedre afirmando que “non hai modelo oficial, nin se tira por terra o traballo feito, nin se limita a información aos usuarios, nin, ao seu pesar, as praias reúnen equipamentos de primeira calidade de momento”. O concelleiro socialista pídelle a Luis Pedre “que fuxa dese tímido victimismo e que denuncie o que crea oportuno no momento oportuno”.

Nota de Prensa

O CONCELLEIRO DE OBRAS E SERVIZOS ASEGURA NAS OITO ANALÍTICAS REALIZADAS ATA O MOMENTO TODAS AS PRAIAS DE BURELA RESULTARON APTAS PARA O BAÑO. PASCUAL DOMÉNECH CRITICA O FEÍSMO CREADO POLO PP NOS AREAIS.

Burela, 17 de setembro de 2008. O concelleiro de Obras e Servizos de Burela, Pascual Doménech, asegura que nas oito analíticas realizadas ata o momento todas as praias de Burela resultaron aptas para o baño. Así resposta ás acusacións realizadas nas últimas horas desde o grupo municipal do PP. Doménech Gruñeiro considera que as declaracións de Luis Pedre <non fan máis que confirmar o descoñecemento que ten a oposición do proceso implantado este ano, xa que se produciu un cambio na metodoloxía de comunicación do resultado da análise das augas das praias. Non hai modelo oficial, nin se tira por terra o traballo feito, nin se limita a información aos usuarios, nin, ao seu pesar, as praias reúnen equipamentos de primeira calidade de momento. E, sobre todo, prégolle que fuxa dese tímido victimismo e que denuncie o que crea oportuno no momento oportuno>.

O edil socialista engade que <no mes de xullo esta Delegación de Obras e Servizos cursou á Delegación Provincial de Sanidade solicitude de envío de informe relativo á comunicación quincenal dos resultados das inspeccións das zonas de baño de Burela, xa que non se estaban a recibir, co fin de dispor de documentación que acreditara a calidade das augas das zonas de baño marítimas do Concello. A tal efecto, a Delegación Provincial de Sanidade comunica ao Concello que actualmente dita información non se está a remitir dado que a Dirección Xeral de Saúde Pública está a facer pública a cualificación da calidade microbiolóxica das augas das zonas de baño de Galicia na súa páxina web (www.sergas.es/). Coñecedor de dita confirmación, o Concello elaborou as súas tablas de información que están a disposición dos cidadáns, resaltando que nas oito analíticas realizadas ata o momento, todas as praias de Burela resultaron aptas para o baño>.

Pascual Doménch dilles aos membros do PP no Concello <en relación á manida recurrencia de que todo estaba feito, respostarlle que este concelleiro, en perfecta colaboración con outras concellerías implicadas (Medio Ambiente e Turismo) sí que está a traballar para dotar ás nosas praias de elementos e instalacións de primeira calidade, e poder desterrar o feísmo estético e incomodidade que supón ter os locais de salvamento e de servizos en casetas de obra. Non será necesario recordarlle que xa este ano se dotaron todas as praias de duchas modernas pero sobre todo funcionais, así como con nova cartelería acorde co modelo que aconsella a ADEAC, eliminando os carteis mastodónticos que campaban polas nosas praias ata o ano pasado. Como tampouco será necesario recordarlle o outorgamento do distintivo bandeira azul 2008 á praia de Ril, e a revalidación de dito distintivo na praia do Portelo e na praia da Marosa. Seguiremos traballando por este camiño para solventar posibles erros, defectos de funcionamento ou líneas de traballo herdados de anos anteriores>.

Exit mobile version