Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela non subirá a auga e baixará o IBI

BURELA.- O pleno do Concello de Burela que se celebrará o 29 de outubro someterá a aprobación as taxas municipais para 2009. O goberno municipal propón a conxelación de taxas coma: a entrada de vehículos a través de beirarrúas (os tradicionais valados); as da escola de música; as de licencias de autotaxi, sumidoiros, vehículos de tracción non mecánica, cemiterios municipais e auga, ademais da axuda a domicilio.

A concelleira de Economía e Facenda, Remedios López Villar, explica no caso da escola de música “que xa o ano pasado fixemos unhas melloras importantes con bonificacións moi interesantes que nos permiten este ano conxelar posibles incrementos nesta taxa. Agora temos máis alumnos e a escola está a funcionar moi ben. Hai que lembrar que teñen bonificacións dun 25% os censados en Burela e dun 50% o 2º membro da unidade familiar que estude nesta escola e que ademais están exentos de pagar as taxas os membros da banda de música”.

Subirán o IPC: a recollida do lixo, os tendidos de tubaxes, as licencias urbanísticas, a ocupación de terreos públicos, estadas e valados…

Barco museo

Tamén subirá en 0’5 euros o acceso ao barco museo. Os prezos quedarán da seguinte maneira: os adultos pagarán 2 euros; os rapaces de 12 a 18 anos e os pensionistas pagarán 1’5 euros; os grupos concertados de máis de 20 persoas deberán abonar tamén 1’5 euros e os menores de 12 anos e os colexios seguirán a entrar gratis. López Villar di que “estes prezos non se poden comparar cos doutros museos e instalacións que se visitan por aí adiante e que custan 7 ou 8 euros. Isto é unha ganga”.

IBI

A edil socialista anuncia tamén unha baixada do IBI no 2009 “é a primeira vez na historia do Concello de Burela na que este imposto estará por debaixo do 5%. Cando este Concello botou a andar estaba nesa porcentaxe, e despois o responsable de Economía daquel momento Sergio López subiuno ata o 6%, e despois baixárono medio punto e nós imos baixala outro medio punto”. O imposto do bens inmobles urbanos baixa un 0’45% e o imposto de bens inmobles rústicos baixa un 0’55%. López Villar asegura que “o anterior equipo de goberno foi o que solicitou unha revisión catastral e nós cando chegamos ao Concello ese proceso xa estaba en marcha e iso leva consigo unha suba de valor nos 10 anos seguintes. Nós baixamos o IBI, algo que é moi importante para o pobo e moi beneficioso”.

A concelleira de Economía e Facenda lembra que o paso de carruaxes xa non existe en Burela “os que teñen a placa o único que lles autoriza é a rebaixar a beirarrúa, pero o paso de vehículo non está reservado. Para iso está a denominada entrada de vehículos a través de beirarrúas”.

Exit mobile version