Site icon Crónica3.com A Mariña

Lourenzá celebra a Festa da Faba con denominación

LOURENZÁ .- Lourenzá vive datas intensas con motivo da Festa da Faba que este ano chegou a decimo oitava edición. O mercado das fabas e a degustación das mesmas, preparadas de distintos xeitos, e o principal activo da festa, que conta con actividades paralelas. Esta é o primeiro ano no que a faba de Lourenzá conta con denominación de “Indicación Xeográfica Protexida”
Para a elaboración da degustación os organizadores contaron coa colaboración da escola de hostalería de Foz e o mestro de cociñeiros Xesús Liste.
O conselleiro de Medio Rural estivo na inauguración da Festa da Faba.

Nota de Prensa

Suárez Canal destaca que o potencial da Faba de Lourenzá na oferta culinaria medra coa consecución do selo de indicación xeográfica protexida
O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, asistiu á festa de enxalzamento da Faba de Lourenzá, declarada de Interese Turístico Galego

Suárez Canal salientou o interese xenético, cultural, agrario e económico que representa a recuperación, conservación e fomento desta variedade vexetal autóctona, que atopa recoñecido o seu potencial culinario co distintivo de calidade

Santiago, 4 de outubro de 2008.- O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, acompañado do delegado provincial de Lugo Emilio López, asistiu á inauguración da Festa da Faba de Lourenzá, onde explicou que dende este verán é posible a comercialización da Faba de Lourenzá co selo de Indicación Xeográfica Protexida dentro do Estado español.

Medio Rural traballa tamén, a través do Instituto Galego de Calidade Alimentaria, para a aprobación do Regulamento da Denominación e do Consello Regulador da Faba de Lourenzá que, neste momento con carácter provisorio, estará a cargo da posta en marcha da denominación, segundo o publicado recentemente no DOG.

Produción
A Faba de Lourenzá pertence á variedade local de ‘faba galaica’ e presenta unhas calidades específicas que a diferenza doutros produtos da mesma especie vexetal, debido ás condición edafolóxicas e climáticas da zona e ás técnicas tradicionais de cultivo mediante as que se produce a faba. Este feixón de tamaño grande ten unha elevada capacidade de absorción de auga e un excepcional comportamento en cocción.

A área de produción desta indicación xeográfica protexida abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo -a Mariña Lucense- que engloba os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Segundo datos do propio sector, o número de produtores que cultivan faba que podería adherirse a esta indicación roldaría os 500 e o seu valor de mercado situaríase arredor dos 10 euros/quilo. Así mesmo, o prego de prescricións técnicas deste produto recolle que só poderá ser comercializado co distintivo en fresco, nunca transformado.

Na actualidade, no rexistro da IXP Faba de Lourenzá existen 63 produtores e 7 envasadores. A superficie rexistrada é de 59 ha e a produción media agardada é de 105 Tm. A maioría das explotacións concéntranse nas comarcas da Mariña Central e Oriental, sumando máis do 98% do total da provincia. Na Mariña Central, a superficie cultivada é de 107.67 ha, con 195 explotacións. O Concello de Lourenzá (75.27 ha e 111 explotacións) é o que abarca o maior número de explotacións da comarca (70% da superficie total comarcal). Na Mariña Oriental, a superficie cultivada de faba é de 62 ha, con 92 explotacións. A superficie media por explotación nas dúas Mariñas é de 6000 m2.

A maridaxe entre a variedade ‘faba galaica’ e a zona de produción delimitada foi constatado nun estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no que se conclúe que o comportamento desta variedade en canto á validade comercial do gran é moi superior cando se cultiva na área de produción delimitada fronte ao seu cultivo noutras zonas. Por iso é indubidable o interese xenético, cultural, agrario e económico que representa a recuperación, conservación e fomento desta variedade vexetal autóctona, que atopa recoñecido o seu potencial culinario co distintivo de calidade.

De acordo prego de condicións da IXP Faba de Lourenzá, o envasado realizarase mediante o emprego de maquinaria dosificadora automática, dentro da zona xeográfica delimitada co obxectivo de garantir a rastrexabilidade do produto e asegurar o control, cun sistema de certificación que permite garantir a orixe das fabas de Lourenzá.

Infraestruturas
Ademais, o conselleiro referiuse ás actuacións proxectadas por Medio Rural na comarca, como son a mellora de accesos en Centeás en Madeira, na parroquia de Oirán (Mondoñedo), a mellora de camiños en Dodelle e Pumardedón (Lourenzá), a rede de distribución de auga en Adelán (Alfoz), o saneamento e abastecemento na rúa Vilar e no Camiño dos Corvos (Burela), a limpeza de cunetas nas parroquias de San Acisclo, Vilaronte Santa Cilla e San Martiño (Foz), o saneamento e depuración dos núcleos do Grove e Avidueiras (Mondoñedo), o acondicionamento da pista dos Ríos, da estrada de Foz á estrada da Diputación, do camiño das Veigas e o da Fonte da Vila (O Valadouro) e a mellora de camiños de concentración parcelaria nas parroquias de Santa María Maior, O Carmen, Masma e Argomoso (Mondoñedo). O investimento previsto para estas actuacións de infraestruturas na comarca da Mariña Central é de 889.900 euros.

O Programa de Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural 2006-2009 foi concibido para fomentar proxectos que incidan directamente na dinamización da base produtiva do medio rural, co obxectivo de dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a fixar poboación. Deste xeito, tamén se atende a proxectos singulares de obras en infraestruturas asociados directamente ao incremento da superficie agraria útil ou ao incremento do emprego agrario.

Exit mobile version