Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide en Santiago o parque industrial Cervo-Xove

Nota de Prensa

Iniciativa Parlamentaria

O deputado do PPdeG José Manuel Balseiro presenta unha iniciativa na Cámara autonómica para forzar á consellería nacionalista con competencias en materia de solo industrial para que rectifique a súa posición e aposte por leva adiante este novo asentamento industrial chamado a dinamizar o conxunto da comarca

VIVENDA DEBERÁ EXPLICAR NO PARLAMENTO A ANULACIÓN DO PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DO CINTO INDUSTRIAL DE ALCOA

– Unha vez que os Gobernos municipais de Xove e de Cervo a través dos seus correspondentes acordos plenarios acordaron a súa oposición en contra do acordo do Consello da Xunta no que se deixa sen efecto o Plan Sectorial de Parques Industriais de Galicia e, entre eles, o proxecto de posta en marcha do polígono no contorno da multinacional aluminieira, o Executivo autonómico deberá explicar o seu desprezo a esta lexítima aspiración da sociedade civil, empresarial e dos colectivos sociais da Mariña.

– Os populares subliñan a importancia deste proxecto que contribuiría ao achegamento de novas empresas que demandan grandes áreas de solo industrial para expandirse, a creación de novos postos de traballo e a creación de riqueza, isto é “todo o contrario do que está a pasar a día de hoxe onde a falta de xestión da crise provoca peche de empresas, paro e perda de riqueza”

– O departamento nacionalista de Teresa Táboas vese obrigado a xustificar a anulación deste proxecto, e a súa eliminación dentro do Plan Sectorial de Parques Industriais de Galicia, isto é, da folla de ruta das grandes actuacións a nivel de solo industrial na nosa comunidade.

– O Goberno do Partido Popular deixou proxectado o cinto industrial do contorno de Alcoa, un complexo e ambicioso proxecto de solo empresarial e servizos ao redor da primeira factoría lucense. Un proxecto que garantía a súa viabilidade e determinaba a idoneidade do seu emprazamento. Hoxe o Goberno bipartito despreza todo este traballo. Os nacionalistas evidencian a debilidade do seu discurso a favor da Mariña lucense e poñen de relevo o seu desprezo aos principais proxectos estratéxicos do conxunto da comarca.

(INICIATIVA)

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu Portavoz, e a iniciativa dos seus deputados José Manuel Balseiro Orol e Diego Calvo Pouso ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara presentan, ante esa Mesa, a seguinte Proposición non de lei en Comisión.
Exposición de motivos

O Consello da Xunta de Galicia aprobou, con data 27 de maio de 2004, o Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais nosa comunidade autónoma. Un ambicioso proxecto que, impulsado polo Executivo Autonómico do Partido Popular de Galicia tiña por obxecto levar adiante a construción, promoción e explotación daqueles parques industriais que se consideraban máis necesarios en atención a diversos factores, entre os que primaban as circunstancias socio económicas de cada bisbarra na que se situarían os futuros emprazamentos.

No ámbito do desenvolvemento do devandito plan contemplouse a creación de varios parques empresariais. Así por exemplo aparecían actuacións nas localidades de Muxia, Carnota,  Porto do Son e nos municipios lucenses de Xove e Cervo.

Para este último, reservabanse 250.000 metros cadrados nos ambos termos municipais. Todo iso para a posta en marcha do coñecido como cinto industrial do contorno de ALCOA, unha infraestrutura de gran importancia xa non só pola influencia que este novo parque podería ter na implantación de novas empresas relacionadas coas actividades auxiliares da multinacional do aluminio, senón tamén, pola enorme proxección que sen lugar a dúbidas suporía a oferta de solo industrial nesta zona e a consecuente creación de riqueza e novos postos de traballo.

O polígono industrial Xove-Cervo, actuaría como un imán á hora de achegar un importante volume de novos investimentos privados, e contribuiría a dinamizar e facer máis competitiva o conxunto das comarcas da Mariña lucense. A situación estratéxica que caracteriza a este emprazamento, o converte nun punto ineludible para as relacións comerciais da zona.

Así por exemplo, o futuro parque emprazaríase nunha área na que se sitúa a principal industria lucense e, unha das máis importantes de Galicia, a empresa Alumina-Alumino do grupo internacional ALCOA. Esta compañía absorbe un importante volume de man de obra (entorno a 1.700 empregos directos e outros tanto máis de xeito indirecto) e xera un apreciable efecto multiplicador de riqueza e emprego no conxunto das bisbarras mariñás.

Xunta á factoría construíuse un porto comercial que move anualmente dous millóns setecentas mil toneladas de mercadorías, e sobre o que existe un gran consenso social e político que reclama a súa apertura ao tráfico comercial xeral.

E doado comprender, que de progresar os múltiples esforzos que se están a desenvolver co obxecto de lograr a apertura do dique norte do porto de ALCOA, ou en todo caso, para favorecer este obxectivo e condición indispensable complementar a devandita actuación cunha oferta de solo industrial próximo a esta infraestrutura. Non ten sentido dispoñer dun porto comercial sen ofrecer a capacidade de que, nas súas inmediacións podan asentarse empresas.

Con todo, a importancia do futuro polígono industrial no contorno de ALCOA, emprazado nas localidades de Cervo e de Xove, dispón dunha substantividade propia. Con independencia doutros factores, resulta evidente que, dispoñer nesta área de 250.000 metros cadrados de solo industrial contribuiría a xerar importantes beneficios e ofrece múltiples potencionalidades.

É máis, a localización do futuro Parque Empresarial encontrase limitada ao norte polo trazado do ferrocarril, ao sur pola estrada C-642/N-642, o oeste polo límite co Concello de Xove e o leste pola carretera da Diputación do Gioncho a Lieiro. Ademais o futuro emprazamento encóntrase atravesado pola estrada autonómica LU-142, que forma parte xunto coa estrada N-642 do acceso o porto de San Cibrao. En definitiva a localización do futuro Parque Empresarial, atópase nun área enclavada entre as principais comunicacións que atravesan o ambos concellos.

Nun futuro inmediato, as comunicacións do Parque, teñen previsto verse melloradas notablemente coa execución da vía de alta capacidade Ferrol-Barreiros unha vez que Goberno central e galego executen os compromisos adoptados respecto desta infraestrutura e que, polo de agora, non están a cumprir con tempo e forma.

Coa decisión adoptada no seo do Consello da Xunta de Galicia celebrado o 31 de xullo de 2008, está a verse lesionado gravemente os intereses dos concellos nos que tiña previsto emprazarse o futuro parque e, de xeito global, os intereses do conxunto da Mariña lucense. E por todo iso que debemos reclamar unha maior responsabilidade do Goberno bipartito de Galicia que actuou con clara improvisación e falta de dilixencia, sen avaliar convenientemente as consecuencias deste prexudicial acordo.

Os argumentos expostos con anterioridade, son razóns máis que suficientes para que os actuais xestores autonómicos teñan a ben reconsiderar a súa actitude e, en todo caso, desenvolver do xeito que consideren máis procedente a continuidade deste proxecto máis coñecido como cinto industrial no contorno de ALCOA.

E polo que, o Grupo Parlamentario Popular entende necesario aprobar a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI EN COMISIÓN:

Acordo a adoptar:

ÚNICO.- O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a deixar sen efecto o acordo adoptado polo Consello do Goberno galego con 31 de xullo de 2008 en relación ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma e, en base a iso, continuar coas actuacións previas á posta en marcha do futuro parque industrial Cervo-Xove, xa que constitúe unha infraestrutura básica para o futuro desenvolvemento das bisbarras da Mariña lucense, e para o achegamento de novas empresas e oportunidades de emprego.

Exit mobile version