Site icon Crónica3.com A Mariña

O punto de atención á infancia de San Ciprián ten vintedous novos usuarios

NOTA DE PRENSA

O Goberno municipal aposta e garante a continuidade dun servizo básico para a atención dos máis novos e indispensable para colaborar cos veciños de Cervo que buscan conciliar a súa vida laboral e familiar

VINTEDOUS NOVOS NENOS INICIAN O NOVO CURSO ESCOLAR NO PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA DE SAN CIPRIÁN

* O Concello de Cervo asume o 70% do custe total deste servizo que no ano 2005 era sufragado ao 100% pola Xunta de Galicia.

Cervo, 01 de novembro de 2008.- No día de hoxe o Concello de Cervo vén de facer pública a lista dos 22 novos alumnos inscritos no servizo municipal de atención á primeira infancia. Os beneficiarios serán nenos e nenas menores de 3 anos membros de familias residentes no termo municipal, que poderán acudir ás instalacións situadas na urbanización Atalaia de San Ciprián, de luns a venres, nun horario de 9 a 14 horas pola mañá, e de 15 a 20 horas polas tardes.

O Goberno municipal “garante e aposta, un ano máis, pola continuidade dun servizo básico para a atención dos máis novos e indispensable para colaborar cos veciños do municipio na difícil tarefa de conciliar a vida laboral e familiar” De feito máis do 70% do custe total deste servizo será sufragado de xeito íntegro polas arcas municipais. As achegas da Xunta de Galicia representan o 16% e os pais e nais que fagan uso do mesmo asumirán o 14% restante.

En todo caso, as familias usuarias deste servizo non terán que pagar máis de dous euros ao día, xa que o custe medio mensual nun supera os 55 euros. Isto é así porque moitas das familias dos 22 nenos inscritos no PAI víronse beneficiadas polas bonificacións en razón da renda ou das circunstancias persoais (familias numerosas ou monoparentais)

Cabe subliñar que, no ano 2005, o 100% do custe total deste servizo era sufragado coas achegas da Xunta de Galicia.

Exit mobile version