Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP de A Mariña o BNG tamén é responsable da Xunta e debe axudar a superar a crise

NOTA DE PRENSA

Para os populares mariñáns non ten sentido que os nacionalistas alerten sobre a grave situación económica de empresas e do aumento do desemprego en lugar de ofrecer solucións e propostas en favor das PEMES e das familias mariñás
O PP LÉMBRALLE AO BNG QUE FORMA PARTE DO GOBERNO GALEGO E QUE TEN A RESPONSABILIDADE DE POÑER EN MARCHA INICIATIVAS PÚBLICAS PARA SUPERAR A CRISE

* O Partido Popular vota de menos un maior compromiso da Consellería de Industria e doutros departamentos autonómicos de responsabilidade nacionalista coas empresas da Mariña lucense.

* Fai só unhas semanas que nacionalistas e socialistas votaron en contra dun plan de coche en auxilio do pequeno comercio proposto polo PPdeG.

A Mariña, 21 de outubro de 2008.- O Partido Popular da Mariña vén de recordar que “pese a que parece telo esquecido ou comeza a arrepentirse” o Bloque Nacionalista Galego forma parte da do Goberno de coalición en Galicia e, polo tanto, ten a responsabilidade de traballar para poñer en marcha iniciativas públicas que contribúan a superar a actual crise. Os populares realizan as devanditas declaracións despois de que onte, o responsable comarcal do BNG, Ramón Hermida, augurara suspensións de pagos, regulacións de emprego e unha situación de grave incerteza económica para os centos de empresas e miles de familias da Mariña lucense.

“O señor Ermida non tería que contarnos o mal que lles vai a ir ás empresas e veciños da nosa comarca por mor da actual crise económica. O que debera explicar é como teñen pensado xestionar esta grave situación desde a Xunta e desde as consellerías de responsabilidade nacionalista”, explicaron os populares. Para o PP mariñán o que lles houbera gustado escoitar aos veciños desta comarca dos nacionalistas é como a Consellería de Innovación e Industria vai a colaborar coas empresas que o están a pasar mal “e como, desde a administración autonómica, teñen pensado apoiar ás familias mariñás para superar a actual crise. Desafortunadamente disto non nos explican nada”.

En opinión do PP comarcal, tanto socialistas como nacionalista están claramente superados pola actual crise económica. “Tanto que non son capaces nin tan sequera de ofrecer solucións e propostas capaces de evitar ou frear a progresiva destrucción de emprego, o grave endebedamento das empresas e a asfixia das pequenas e medianas empresas”.

O BIPARTITO UN OBSTÁCULO PARA SUPERAR A CRISE

“E xa non é só que non sexan capaces de xestionar a actual crise. É que ademais socialistas e nacionalistas obstaculizan toda proposta construtiva que poidamos facer os demais na nosa responsabilidade de control e alternativa ao actual Goberno”- afirmaron desde o PPdeG.

Así por exemplo os populares mariñáns lembraron que, fai tan só unhas semanas, o voto conxunto de PSOE e BNG serviu para rexeitar no Parlamento de Galicia un plan de coche proposto polo PPdeG en auxilio das PEMES e do sector do comercio. “Tampouco contribúe a aliviar esta difícil situación o escaso investimento na comarca dos Gobernos central e autonómico ou o espectacular recorte das achegas que os orzamentos estatais prevén para os concellos, que pode superar incluso o 11% e, pese a iso, dispoñen do apoio do BNG, en contra do sentido común”.

PARTIDO POPULAR DA MARIÑA

Exit mobile version