Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo terá un equipamento da Rede Galega de Centros de Alzheimer

Nota de Prensa

Quintana: “Galicia estase convertendo nun referente na atención ás persoas con alzheimer grazas á rede galega de centros de alzheimer e outras demencias”
Explicou que o Goberno galego traballa para enfrontar esta doenza dende unha dobre estratexia: a da prevención e a da asistencia e a atención ás persoas que o padecen e ás súas familias

A Rede Galega de Centros de Alzheimer conta xa con 7 equipamentos que ofertan 204 prazas

O vicepresidente participou hoxe na inauguración do III Congreso Nacional de Alzheimer, que se desenvolve dende hoxe ata o sábado en Vigo

Vigo, 2 de outubro de 2008.- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou hoxe que Galicia se está convertendo nun referente na atención ás persoas con Alzheimer grazas ao desenvolvemento da Rede Galega de Centros de Alzheimer e outras demencias, “unha rede de centros nacional e pioneira que por vez primeira permite a Galicia ser un referente neste campo”. O vicepresidente fixo estas declaracións hoxe en Vigo na apertura do III Congreso Nacional de Alzheimer, que se desenvolve dende hoxe e ata o sábado na cidade olívica.

Quintana contrastou esta situación actual de Galicia coma referente ao que pasou durante moitas décadas, nas que en Galicia o Alzheimer foi un dos grandes esquecidos das políticas sociosanitarias dos sucesivos gobernos galegos. Lembrou que dende o inicio de lexislatura este Goberno se comprometeu con mudar esta situación de inexistencia total de recursos públicos especializados na loita contra esta doenza. De aí que a prevención e o coidado ás persoas que sofren Alzheimer e aos seus coidadores conformara, dende os seus comezos, unha das liñas básicas do Sistema Galego de Benestar e por iso de apostou pola posta en marcha da Rede Galega de Centros de Alzheimer.

Estratexia da prevención
O vicepresidente Quintana explicou que dende a Vicepresidencia se traballa na loita contra o Alzheimer dende unha dobre estratexia: unha estratexia de prevención e unha estratexia de atención e asistencia ás persoas con esta doenza, na que se enmarca precisamente a rede galega de centros. No eido da prevención, o obxectivo é retrasar, na maior medida do posible, as situacións de dependencia, para o que o traballo básico é fomentar a participación social das persoas máis vulnerables a estas situacións, as persoas maiores. De aí a posta en marcha dun amplo abano de programas de envellecemento activo, entre os que está a actividade deportiva do Cachibol, as viaxes dos programas Coñece o teu país ou Galiza Natural, a plataforma de novas tecnoloxías Coidanet ou os talleres de atención psicosocial.

Aínda neste traballo na prevención, hai veces que a prevención xa non é unha estratexia plenamente válida, e daquela, dentro do Sistema Galego de Benestar, creáronse programas e servizos para dar resposta a estas situacións xa de máis dependencia. Así se creou a Rede Galega de Centros de Día, con 54 centros xa integrados e máis de 2.000 prazas, ou o Servizo Galego de Transporte Adaptado. Tamén se impulsou o servizo de Axuda no Fogar, pasando de investir 15 millóns de euros en 2005 a preto de 23 neste ano, e o servizo de Teleasistencia, con 3.000 novos usuarios.

Estratexia da atención e asistencia
Pero ao mesmo tempo que se dá esta estratexia de traballo na prevención, tamén se traballa para dar unha resposta ás necesidades dos enfermos de Alzheimer e ás súas familias e de aí a creación da Rede Galega de Centros de Alzheimer e outras demencias. Na actualidade a Rede conta con 7 equipamentos, que dispoñen dun total de 204 prazas. Trátase do centro de Santiago, 2 na cidade de Vigo, o do Porriño, o de Moaña, o de Viveiro e o de Lalín.

Pero dende a Vicepresidencia trabállase xa na construción e posta en marcha doutros 7 equipamentos públicos. A finais deste ano prevese que comece a funcionar o centro de Alzheimer na cidade de Lugo, e no primeiro trimestre de 2009, o centro de Ribeira. E estes centros veranse completados, no segundo semestre de 2009, coa apertura dos centros de Ferrol, Ourense, Pontevedra e Ribadeo. Dende a Vicepresidencia trabállase ademais na posta en marcha doutro centro en Monforte de Lemos.

Quintana lembrou que, ao comezo de lexislatura, a Vicepresidencia se comprometera a pór en marcha 11 centros deste tipo, pero que agora, con estas cifras, o compromiso inicial vai quedar superado. Galicia disporá en 2009 de 14 centros de atención ao Alzheimer, con máis de 470 prazas e 160 profesionais traballando para a atención social das persoas que padecen esta doenza e outras demencias, así como os seus coidadores. Asegurou que estes equipamentos representan un investimento sen precedentes na atención ás persoas con este tipo de enfermidades neurodexenerativas, xa que supoñen un investimento de máis de 4,3 millóns de euros, dos que ata o momento xa se levan investidos máis de 3 millóns. A este orzamento hai que engadir o custo de mantemento da Rede, ao que en 2009 a Vicepresidencia dedicará máis de 4 millóns de euros.

Coidar ao coidador
O vicepresidente explicou que a Rede Galega de Centros de Alzheimer, ademais de atender e asistir aos enfermos, é unha rede que atende ás persoas que indirectamente se ven afectadas por esta doenza, “é unha rede que coida aos coidadores, aquelas persoas nas que durante moitos anos recaeu en exclusiva a responsabilidade de atender aos doentes e que foron durante moitos anos os grandes esquecidos”.

Quintana lembrou aos coidadores e familiares que non están sós, que contan co compromiso institucional da Vicepresidencia, un compromiso que se materializa na Rede galega de Centros de Alzheimer, “unha cadea de solidariedades que pon voz e solucións, recursos e investimentos” para contrarrestar o sufrimento que ocasiona esta doenza, non só nos enfermos senón tamén nas súas familias.

En Galicia unhas 200.000 persoas están afectadas directa ou indirectamente polo Alzheimer, unha cifra que se achega aos 3,5 millóns de persoas no conxunto do Estado.

Exit mobile version