Site icon Crónica3.com A Mariña

Venres comenzan as xornadas Mar por Medio con 75 participantes

RIBADEO .- O venres comenzan en Ribadeo as XVI Xornadas Mar por Medio que este ano se centran na construcción dun espazo común de comunicación e cultura entre Galiza e Portugal. No evento que está organizado pola Consellería de Cultura e o Concello de Ribadeo hai inscritas a día de hoxe 75 persoas, ainda que os coordenadores agardan chegar a 100. Tamén destacan que para o encontro profesional que se celebrará o domingo con axentes culturais de Portugal hai 25 persoas e colectivos que solicitaron participar neste contacto, entre os que se atopan xente da cultura, do teatro, da música, programadores galegos. A organización está satisfeita con esta convocatoria “polo variada que é e porque están representados moitos sectores da cultura galega. Estamos moi contentos”.
As xornadas serán inauguradas o venres ás seis e media da tarde no Concello de Ribadeo, polo alcalde, Fernando Suárez; o Director Geral das Artes de Portugal, Jorge Barreto e polo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta, Luis Bará.
De xeito paralelo ás xornadas está prevista a inauguración da exposición Grande-Pequeno. Galiñas, miserias e cabezudos, o venres ás oito e media da tarde na oficina de turismo vella e o sábado celebraráse no Auditorio Hernán Naval, a partires das oito e media da tarde o concerto de Aló Irmao, a cargo de Fran Pérez e Manecas Costa, con entrada libre e gratuita para os participantes nas xornadas e para o público en xeral que queira asistir a esta cita.
As xornadas Mar por Medio serán clausuradas o domingo ás doce da mañá pola concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra.

Exit mobile version