Site icon Crónica3.com A Mariña

Xustiza supedita o xulgado de Ribadeo a formación do partido xudicial

Nota de Prensa

Begoña Santos afirma que “mentres non exista Ribadeo como partido xudicial, non se poderá crear un xulgado na súa sede”

A directora xeral de Xustiza explicou, na Comisión 1ª do Parlamento, que para iso é necesario modificar a Lei de demarcación e planta xudicial, algo que a Xunta xa lle solicitou ao Goberno central

Santiago, 13 de outubro de 2008.- A directora xeral de Xustiza, Begoña Santos Fernández, afirmou hoxe, na Comisión 1ª do Parlamento, que “mentres non exista Ribadeo como partido xudicial, non se poderá crear un xulgado na súa sede”. Explicou que para a creación do partido xudicial nesta localidade é preciso modificar a Lei de demarcación e planta xudicial, de competencia estatal.

Ademais, Santos Fernández lembrou que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza xa lle enviou ao Ministerio de Xustiza o informe da Xunta de Galicia coa proposta de creación do devandito partido xudicial co fin de poder dotalo dun xulgado de primeira instancia e instrución. Deste xeito, o Goberno galego pedía –segundo a directora xeral- a modificación da demarcación xudicial.

Neste sentido, Santos Fernández asegurou que “os intereses dos cidadáns da Mariña de Lugo, coma os de todas e todos os galegos e galegas, están correctamente defendidos polo Goberno de Galicia”. A directora xeral tamén subliñou que a última ocasión na que se modificou a Lei de demarcación xudicial foi no ano 2003, sendo José María Michavila Núñez ministro de Xustiza e Xesús Palmou Lorenzo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ambos do Partido Popular.

Novas unidades xudiciais
Begoña Santos Fernández recalcou o compromiso do actual Goberno da Xunta de Galicia co incremento da calidade e co avance dos medios da xustiza en Galicia e dixo que para a programación das novas unidades xudiciais -de conformidade co número adxudicado polo Ministerio de Xustiza- é preciso establecer unha orde de prioridades “na que os esforzos da Sala de Goberno e da Comisión Mixta se unan e se materialicen para acadar o obxectivo común da mellora da xustiza”.

A directora xeral engadiu que, dende o 2004, coa chegada de José Luis Rodríguez Zapatero ao Goberno central, concedéronse 44 novas unidades xudiciais para Galicia -33 xa creadas e 11 para o 2009- fronte ás 18 do período 2001-2004 con gobernos do Partido Popular en Madrid e en Galicia. Isto supón, segundo Begoña Santos, que se crearon “máis do dobre” de unidades dende 2004. “Polo tanto, o compromiso dos actuais Gobernos de España e Galicia coa Xustiza na nosa Comunidade é innegable e tradúcese en feitos”, segundo a directora xeral.

Ademais, Begoña Santos explicou que o Goberno central estableceu para o 2009, a creación de 150 novas unidades xudiciais para todo o territorio nacional, das cales 9 serán para Galicia, a maiores da posibilidade de crear 2 novos xulgados exclusivos de Violencia sobre a Muller. Polo tanto, poderanse crear 11 novas unidades xudiciais en Galicia, segundo dixo. A directora xeral lembrou que este reparto entre Comunidades faise atendendo a criterios de poboación, litixiosidade e números totais de ingreso e que a distribución das unidades xudiciais no territorio galego debaterase na Comisión Mixta de Xustiza (integrada pola Xunta e polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), prevista para o dia 20 de outubro.

Exit mobile version