Site icon Crónica3.com A Mariña

50.000 euros para Expomar

BURELA .- O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, saíu moi satisfeito do encontro que acaba de manter en Santiago coa conselleira de Pesca, Carmen Gallego, para perfilar a nova edición de Expomar que se celebrará en maio de 2008. O rexedor explica que “falamos de dimensionar esta feira dado que agora contamos cun espacio que está moi ben dotado e entón sempre se pode pensar en mellorar este tipo de exposición. Analizamos a posibilidade de contar con expositores de provedores de material coma todo o relativo ós envases e técnicas de envasado ademais da maquinaria específica para levar adiante esta actividade; expositores con material de distribución, sobre o tratamento de residuos e sobre o aforro enerxético e as novas tecnoloxías das que se poderá beneficiar sobre todo o sector pesqueiro, pero tamén outros”.

Llano confirmou que asinou un convenio coa titular de Pesca “nos mesmos términos que o do ano pasado e no que se compromete unha cantidade de máis de 50.000 euros para Expomar. Tamén falamos da formación e a través da Consellería de Pesca ofertaremos todo aquelo que nos demanden os mariñeiros, os armadores de baixura e de altura para beneficiar e promocionar a súas profesións e os seus produtos. Estou seguro de que contaremos co apoio da Consellería de Pesca”.

A concelleira de Mar, Remedios López Villar tamén asistiu ó encontro que se celebrou esta mañá en Santiago e no que estiveron presentes técnicos de Expomar e o delegado provincial de Pesca, José Ramón Val Alonso.

Exit mobile version