Site icon Crónica3.com A Mariña

A maioría da cidadanía ribadense considera a desigualdade entre persoas un problema importante

RIBADEO .- O 78 por cento da cidadanía ribadense e o 69 por cento dos axentes sociais consideran a desigualdade de xénero coma un problema importante na sociedade actual. Estes son algúns dos datos que aparecen recollidos no estudo Diagnose da violencia de xénero no Concello de Ribadeo que se presentou esta mañá.

Os profesionais consideran que a desigualdade dase en todos os ámbitos, mentres que a cidadanía aprecia máis desigualdade no ámbito laboral e nas tarefas do fogar. Os cidadáns amósanse rotundos ao afirmar que esta desigualdade é a causa da violencia de xénero, opinión que só comparten o persoal sanitario e o de servizos sociais por parte dos axentes sociais. Abuso de alcohol e drogas e trastornos psicolóxicos e mentais aparecen coma os dous factores que máis favorecen a violencia de xénero segundo todos enquisados. A influenza dos medios de comunicación é a menos decisiva para a cidadanía, lugar que ocupan as crenzas relixiosas segundo os axentes sociais.

No estudo realizado tamén se recolle que non todos os axentes coinciden en sinalar a violencia como algo frecuente, pero case todos atenderon e coñeceron algún caso, incluso nos últimos 3 meses. Todos coinciden en que non hai un perfil definido de muller vítima de violencia de xénero, pero a máis exposta sería unha muller inmigrante, de baixo nivel cultural e pouco poder adquisitivo, e con unha idade comprendida entre os 36 e os 65 anos. Tampouco existe un perfil concreto de home maltratador.

A concelleira de Muller, Mariluz Álvarez Lastra, sinalou que as conclusións que se sacan “é a necesidade de impartir máis formación especializada entre os axentes que traballan coas vítimas e coas súas familias e a necesidade de dar máis información á poboación en xeral pero a través de sectores coma o educativo, o dos servizos…”.

A diagnose presentada este mediodía no Concello de Ribadeo realizouse a través de 200 entrevistas telefónicas a cidadáns seleccionados de xeito aleatorio e a 85 axentes sociais, entre a poboación de máis de 16 anos no Concello de Ribadeo. As enquisas fixéronse entre o 7 e o 11 de novembro.

Exit mobile version