Site icon Crónica3.com A Mariña

A Universidade de Santiago estudará a programación do observatorio astronómico de Ribadeo

RIBADEO .- A Universidade de Santiago de Compostela estudará a vindeira semana a programación que levará adiante no observatorio astronómico de Ribadeo, segundo ven de anunciar o concelleiro delegado de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro. O edil nacionalista di que “onte mantiven unha conversa co director do observatorio astronómico Ramón Mª Aller da Universidade de Santiago e José Angel Docobo ofreceuse a participar co Concello nunha programación sobre temas astronómicos. Segundo me dixo ao vicerreitor da Universidade a idea parécelle interesante e a vindeira semana manterán un encontro para analizar esta posibilidade e as actividades a levar adiante”. Horacio Cupeiro asegura que “no Concello pareceunos moi interesante a proposta dado que o 2009 foi declarado pola UNESCO coma Ano Internacional da Astronomía”.

O responsable de Medio Ambiente sinala que “con estas actividades que consistirán en obradoiros para persoas maiores e para nenos o que tentaremos será potenciar a imaxe da Casa da Ría. Buscámoslle unha aplicación a pesares de todas as deficiencias que temos coa auga, pero consideramos que desde o punto de visto astronómico non haberá inconvenientes xa que non é alí no observatorio onde temos problemas senón que é na aula de interpretación onde se rexistran esas filtracións de auga cando chove. No resto do edificio non hai problemas”.

Exit mobile version