Site icon Crónica3.com A Mariña

Acordo na Deputación para desbloquear a reapertura das Covas do Rei Cintolo

Covas do Rei Cintolo (imaxe da Galipedia)

MONDOÑEDO .- As xestións realizadas pola Deputación de Lugo co Concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía permitirán desbloquear a reapertura das Covas do Rei Cintolo, situadas no municipio mindoniense, logo de que a Federación Galega de Espeleoloxía interpuxese un recurso que obrigou á suspensión das visitas en 2006. A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres a retirada do proxecto das obras de acondicionamento que a Deputación ía levar a cabo no interior da cavidade. Pechado o acordo, a reapertura final dependerá do Concello, quen xa anunciou que iniciará os trámites para acadar por parte da Consellería de Medio Ambiente a declaración de Monumento Natural da Cova.

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Concelleira de Medio Ambiente do Concello mindoniense, Magdalena Domenech, deprazáronse ata o lugar para comprobar in situ a situación na que se atopan as Covas que levan pechadas ó público dous anos. Os responsables aproveitaron a ocasión para dar a coñecer a decisión adoptada a tres bandas pola institución provincial, Concello e Federación Galega de Espeleoloxía que permitirá iniciar o desbloqueo. Despois de varios contactos e unha última reunión no INLUDES, Lara Méndez destacou hoxe que “as xestións realizadas pola Deputación enmárcanse dentro da nosa política de apoiar e cooperar cos Concellos naquelas cuestións realmente importantes para a provincia. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, quere impulsar a reapertura deste importante patrimonio natural”.

Méndez explicou que “nós fixemos os deberes, o que demostra a vontade da Deputación por colaborar co Concello de Mondoñedo e a Fedración neste asunto. Agora será a Dirección Xeral de Patrimonio e a Federación Galega de Espeleoloxía os que deban tomar os acordos oportunos para que o asunto quede totalmente desbloqueado???? e todos poidamos visitar as Covas”.

Fora a comezos de 2006 cando o Concello mindoniense recibiu unha orde xudicial que lle ordenaba suspender estas visitas, tal e como esixía a Federación Galega de Espeleoloxía. Desde que se abriran calcúlase que pasaron polas Covas unhas dúas mil persoas que supuxeron uns ingresos para as arcas municipais de 24.000 euros.

Antecedentes

A Deputación, a petición do Concello de Mondoñedo, en febreiro de 2004 acordou aprobar o proxecto para a rehabilitación interior das Covas e solicitou a realización das oportunas xestións que serían financiadas ó 50% entre o Ministerio de Administracións Públicas e a Deputación. Nese mesmo ano, aprobouse pola Xunta de Goberno o proxecto redactado por importe de 395.346 euros, financiándose do seguinte xeito: MAP (197.673 euros), Deputación (118.603 euros) e Concello (79.069 euros). Posteriormente, adxudicouse as obras a EXTRACO S.A e unha mellora da mesma por valor de 31.583 euros. Os traballos contarían cun prazo de execución de 6 meses. En 2005 solicitouse ó MAP unha prórroga para a realización das obras.

Tivo que chegar o novo equipo de goberno para que no 2008, respondendo á petición do Concello de Mondoñedo e a Federación, a Deputación acordase retirar o proxecto e iniciar os trámites de resolución do contrato coa empresa adxudicataria e iniciar o desbloqueo do asunto.

Exit mobile version