Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga pensa que os orzamentos de Barreiros son irrealizables

BARREIROS .- O voceiro do BNG, Antonio Veiga, cualifica de irrealizables os orzamentos municipais de Barreiros para 2008 que serán aprobados de xeito definitivo nun pleno previsto para mañá 7 de novembro. Por iso motivo esta formación presentou varias reclamacións que se analizarán nesa sesión plenaria. Veiga asegura que “se aprobarán practicamente rematando o ano 2008 tendo menos de dous meses para aplicalos e seguen envoltos en irregularidades e ilegalidades”. O edil nacionalista di que “si botamos unha ollada á liquidación de 2007 vemos que houbo un desfase de 700.000 euros. Naquel momento presentáronse uns presupostos de 3.400.000 euros e o único que foron capaces de cubrir foron 2.700.000 euros. Botando man do que nos propoñen de orzamento para este 2008 que son 3.151.000 euros e tendo en conta tanto o imposto de construción, instalacións e obras (que será menor) coma o IBI atopámonos con que na liquidez de 2008 haberá un novo desfase económico grande entre o previsto recadar e o que realmente se recadará”.

Antonio Veiga considera que “unha de dous ou quedarán débedas grandes ou servizos sen dar ou se darán en moi malas condicións como está a ocorrer co servizo de augas. Queremos recordar que no cobro das taxas correspondentes está previsto recadar preto de 300.000 euros e nós entendemos que é totalmente insuficiente para cubrir todos os gastos do abastecemento de auga e todas as modificacións que haberá que facer nunha rede que é obsoleta”. O voceiro do BNG en Barreiros engade que “un servizo tan esencial coma o da auga e tendo en conta que o proxecto de 3.600.000 euros para unha nova rede se foi ao traste, entón haberá que investir moito nestes vindeiros anos ou con medios propios ou non sei de onde tentará sacar os fondos a alcaldía. Haberá que investir moitos cartos para manter en bo estado o servizo de augas”.

Veiga Outeiro entende que “estes presupostos foron feitos ao abeiro de moitas irregularidades e ademais son nulos de pleno dereito, pois así o di a propia lei, cando non está garantido que se poidan cubrir todas esas partidas de gastos que se propoñen e senón están garantidos os ingresos. Entendemos que estes presupostos habería que facelos de novo. Son unha auténtica chapuza administrativa, pero os que van levar a peor parte son os veciños de Barreiros”.

Exit mobile version