Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro quere debater con Rego sobre os investimentos da Xunta na Mariña

NOTA DE PRENSA :

Segundo o deputado popular o voceiro parlamentario socialista “minte máis que fala” e insiste en que cos “papeis na man” as achegas da Xunta non superan os 15 millóns de euros, a metade ca no 2005
BALSEIRO EMPRAZA A REGO A UN DEBATE PÚBLICO SOBRE OS INVESTIMENTOS DA XUNTA NA NOSA COMARCA

* O popular pregunta ironicamente ao socialista se a forma de “corrixir o suposto déficit dos 16 anos de Goberno do PP” é reducir en máis dun 50% os investimentos con destino determinado na nosa comarca con respecto ao ano 2005 ou nun 21% se comparamos os investimentos do 2009 cos previstos no 2008.

* Balseiro reta a Rego a dicir “unha sola obra impotante tramitada ao 100% nesta lexislatura” e, nese senso lembra que a día de hoxe está sen executar o 75% do orzamento de 2008.

A Mariña, 06 de novembro de 2008.- O deputado mariñán do Partido Popular, José Manuel Balseiro Orol emprazou ao seu homólogo socialista, o voceiro parlamentario Ismael Rego a un debate público sobre o nivel de investimentos da Xunta de Galicia na nosa comarca. Na súa opinión Ismael Rego “minte máis que fala” cando afirma que as contas autonómicas para 2009 achegarán 48 millóns de euros para A Mariña lucense. Balseiro Orol insiste en subliñar que “a suma obxectiva dos investimentos con destino determinado na nosa comarca non chega aos 15 millóns de euros e, polo tanto, non é posible facer unha afirmación como a que o Sr Rego realiza cos papeis na man”. Xa no seu día o deputado popular retou ao socialista a que desglosara cada unha das partidas que o Goberno galego comprometeu para 2009.

Por outra banda, Balseiro Orol preguntou ironicamente ao deputado socialista se a forma que ten o actual Goberno de “corrixir o suposto déficit dos 16 anos de Goberno do PP” é reducir en máis dun 50% os investimentos con destino determinado na nosa comarca con respecto ao ano 2005 ou nun 21% se comparamos os investimentos do 2009 cos previstos no 2008”. En todo caso, Balseiro Orol afirmou que, a día de hoxe, o Goberno galego deixou sen executar máis do 75% do orzamento do presente ano e, dentro deste, actuacións tan importantes como o corredor da Costa, a tantas veces citada ampliación do Hospital da Costa, ou os polígonos de Viveiro, Alfoz-O Valadouro, etc…

A este respecto, Balseiro Orol, retou a Ismael Rego a que dixera “un só proxecto, tan só unha obra importante, que o Goberno actual tramitara e estea rematada ao 100%. Pois estamos seguros que non poderán facelo”

O PSOE NON DEFENDE OS INTERESES DA MARIÑA

Para o deputado popular é máis que evidente que ao longo desta lexislatura o Executivo de Touriño “esqueceuse da Mariña” o que pon de relevo o “pouco peso” que os dirixentes socialistas mariñáns, e o propio Ismael Rego teñen dentro da organización socialista. “No PSOE dan por descontado que os alcaldes socialistas da Mariña e o Sr Rego acatarán calquera recorte nas actuacións e investimentos de carácter prioritario para a nosa comarca, porque nunca foron quen de defender axeitadamente os intereses dos nosos veciños”

Exit mobile version