Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros celebra o Día Internacional contra a violencia machista

BARREIROS .- O Concello de Barreiros organiza unha mesa redonda e a proxección dunha película para celebrar o vindeiro martes 25 de novembro o día internacional contra a violencia de xénero. Segundo explica o alcalde, Alfonso Fuente, “trátase dunha película en galego que se chama Sara e que aborda esta problemática. Vaise proxectar no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro ás oito e media da tarde”. Antes haberá unha mesa redonda na que se analizará a discriminación que aínda segue a sufrir a muller en moitos aspectos da vida. Nesta charla participarán as concelleiras de Servizos Sociais e Muller, Alina Rodríguez e Mª del Mar Sante e o propio rexedor, Alfonso Fuente Parga. Este acto dará comezo ás oito da tarde.

O rexedor e voceiro do PP no Concello de Barreiros ven de presentar unha moción para o seu debate e aprobación en pleno relativa á violencia de xénero. Fuente Parga considera que “si ben o goberno do Estado xa tomou algunha media coma a lei de protección integral contra a violencia de xénero os resultados nos din que non está a funcionar porque se segue a incrementar o número de vítimas mortais e este ano xa levamos máis de 60 mulleres mortas. Hai unha serie de deficiencias coma poucos xulgados, os informes de risco non están dando resultado… hai unha carencia nesta lei que nos fai pensar que hai que traballar máis”. Con esa moción “instamos ao goberno a que adique os recursos económicos necesarios e imprescindibles para o pleno desenvolvemento e execución da lei integral e a que incremente o número de policías adicados exclusivamente á protección da muller vítima da violencia de xénero. Tamén queremos que o executivo incremente o número de xulgados especializados en violencia de xénero e que despregue en todo o territorio nacional as oficinas de atención a vítimas”, segue a relata o alcalde de Barreiros.

Alfonso Fuente considera que as medidas “non se poden quedar só en aprobar unha lei e esperar a ver que resultado da. Hai que traballar nesta liña.. o que non se pode é estar ano a ano vendo como máis mulleres perden a vida a pesares de ter aprobada esta lei”.

Exit mobile version