Site icon Crónica3.com A Mariña

Entidades públicas e privadas conmemoran o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A MARIÑA .- Entidades públicas e privadas conmemoran o 25 de novembro o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Así, entre outros, o Observatorio da Mariña pola Igualdade reivindica que se cumpra a lei contra a violencia de Xénero e o concello de Cervo distribúe un folleto con recomendacións ante unha situación de maltrato. Días pasados houbo múltiples iniciativas de distinta índole sobre a violencia de xénero.

Notas de Prensa
Observatorio da Mariña pola Igualdade
Concello de Cervo

Nota de Prensa do Observatorio da Mariña pola Igualdade
———————————————————

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO from Observatorio Igualdade on Vimeo.
COMUNICADO DE PRENSA con motivo do 25 de novembro
Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Observatorio da Mariña pola Igualdade quere seguir a chamar a atención sobre este tipo de violencia que atenta contra as mulleres polo mero feito de ser mulleres.
Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade recoñécense os avances logrados nos últimos anos, nos que a sociedade ‘parece comezar’ a tomar consciencia desta lacra, nos que se avanzou moito en materia xurídica coa promulgación de leis, nos que aumentaron os recursos para as vítimas, e nos que se levaron a cabo máis campañas de prevención e de sensibilización. Non obstante, fica aínda moito por facer aproveitar as potencialidades deste sistema contra a violencia de xénero que se está a instaurar. Cómpre darlle capacidade económica real a este sistema, así como proporcionar unha asistencia eficaz ás vítimas, unha axilización dos sistemas xudiciais e unha maior coordinación.
En concreto, na comarca de A MARIÑA, reivindicamos das institucións públicas as seguintes medidas fundamentais para poder facer que a lei se cumpra de forma efectiva:

-Un xulgado específico de violencia de xénero en Lugo.
-Unha unidade de valoración forense integral.
-A posta en marcha do turno de oficio específico para ás vítimas de violencia de xénero no Colexio de Avogacía de Lugo.
-Atención psicolóxica especializada na Mariña.
-Un piso de acollida na Mariña para aquelas mulleres que se atopan en risco de exclusión social ou que non teñen a onde ir.
-Impulso da formación e o compromiso por parte das institucións políticas da esixencia da mesma ao seu persoal.

Alén disto, somos conscientes de que a violencia machista seguirá a pervivir mentres non se atallen as verdadeiras causas que a provocan e lexitiman, isto é, a discriminación estrutural das mulleres nas nosas sociedades patriarcais. Erradicar e superar os motivos que xeran a violencia de xénero é o obxectivo fundamental, pero tamén o máis lento de conseguir porque esixe unha modificación de actitudes e comportamentos. Por este motivo, reivindicamos que na comarca de A MARIÑA as institucións públicas leven a cabo tamén:

-Campañas de sensibilización social contundentes entre a cidadanía mariñá.
-Medidas co-educativas nos centros escolares da Mariña e nos lugares onde se imparten actividades complementarias de lecer.

Porque queremos vivir nunha Mariña sen violencia de xénero, nunha Galiza sen violencia de xénero, nun mundo sen violencia de xénero.

Nota de Prensa do Concello de Cervo
———————————–
Baixo o título “plan de seguridade” sirve de axuda para reducir o perigo de posibles agresións, para aquelas persoas que se ven inmersas nesta desagradable situación, e sobre como actuar no caso de que se produzan episodios violentos.

CERVO DISTRIBÚE UN FOLLETO CON RECOMENDACIÓNS ANTE UNHA SITUACIÓN DE MALTRATO

* O documento estará dispoñible na páxina web municipal e nos edificios e instalacións de acceso ao público.. Tamén remitiranse varios exemplares ao Instituto Marqués de Sargadelos de San Ciprián e ás principais asociacións e colectivos do municipio.

Cervo, 24 de novembro de 2008.- Coincidindo co día internacional contra a violencia de xénero que se celebra mañá martes 25 de novembro, o Concello de Cervo distribuirá un folleto con recomendacións ante unha situación de maltrato. O documento, elaborado polos servizos sociais municipais está dividido en dous apartados diferentes: o denominado plan de seguridade, que ofrece unha serie de actuacións dirixidas a reducir o perigo ante posibles agresións para aquelas persoas que se ven inmersas nesta desagradable situación e, en segundo lugar, explica unha seria de recomendacións prácticas sobre o modo de actuar no caso de que se produza un episodio violento (teléfonos de emerxencia, protocolos, contacto cos servizos médicos, lugares de asesoramento xurídico, …)

Este pequeno folleto ten un grande obxectivo: chegar ao maior número posible veciños de tal xeito que poidan coñecer algúns dos conceptos básicos sobre a violencia no ámbito familiar e, deste xeito, contribuír á detección e atención da violencia familiar no noso país, explicaron desde a Concellaría de Asuntos Sociais, Muller e Seguridade Cidadá que dirixe a edil Pilar Armada.

Os folletos serán distribuídos nos edificios públicos e dependencias municipais, entre as asociacións e colectivos máis importantes do termo municipal e naqueles espazos nos que as persoas que se están a sufrir esta situación poidan acceder ao mesmo con privacidade e maiores garantías. Ao mesmo tempo poderá consultarse e imprimirse, a través da rede, na páxina web do Concello de Cervo.

A distribución do plan de seguridade fronte a violencia de xénero engádese a outras actividades organizadas co gallo do día internacional de sensibilización contra esta lacra social que están a constituir as situacións de maltrato. Cabe salientar a convocatoria da segunda edición do concurso de narración Carta a un maltratador que dispón de dúas categorías (xuvenil e adultos) dotadas cun premio de 100 euros cada unha.

Exit mobile version