Site icon Crónica3.com A Mariña

Investigadores do CIMA de Ribadeo nun taller en Venezuela sobre orizo de mar

RIBADEO .- Persoal do centro de investigacións mariñas(CIMA)de Ribadeo participou en Venezuela nun taller que tiña como temática principal é xestión e o aproveitamento de orizos de mar en Iberoamérica. Esta iniciativa forma parte do segundo “Foro Iberoamericano de los Recursos Marinos y de la Acuicultura” que se celebrou en Cumaná, Venezuela, organizado pola Universidad de Oriente.

Nota de Prensa

Pesca participa no `II Foro Iberoamericano de los Recursos Marinos y de la Acuicultura` que se celebra en Cumaná, Venezuela

A este seminario, organizado pola Universidad de Oriente, asiste a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, que participará nunha mesa de traballo sobre cooperación internacional

O director do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Alejandro Guerra Díaz, así como representantes do Igafa e investigadores do CIMA de Ribadeo, participan tamén nos minicursos e talleres que se imparten en paralelo co Foro

Cumaná (Venezuela), 5 de novembro de 2008.- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa ao longo desta semana en Cumaná, Venezuela, no II Foro Iberoamericano de los Recursos Marinos y de la Acuicultura que organiza a Universidad de Oriente con motivo do seu 50 aniversario. A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo, asiste a este encontro e participará nunha das mesas de traballo que ten como temática principal a cooperación internacional, onde se poderán establecer as oportunidades de intercambio entre os países iberoamericanos e institucións como a Xunta de Galicia ou a FAO. Así mesmo, o director do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Alejandro Guerra Díaz, foi o encargado de impartir un dos minicursos que se están a celebrar en paralelo con este Foro. Máis en concreto, foi un dos intervintes no minicurso sobre “O cultivo de moluscos bivalvos: Unha acuicultura sen penso”.

Amais disto, unha representación de persoal docente do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca e situado na Illa de Arousa, participará na segunda edición deste Foro impartindo unha conferencia que leva por título “Formación en Acuicultura: A experiencia do Igafa no sector produtivo” e un minicurso sobre a produción de cría de moluscos en minihatcheries. Tamén, investigadores do CIMA de Ribadeo formarán parte dos profesionais que desenvolvan o taller sobre a xestión e o aproveitamento de erizos de mar en Iberoamérica.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tamén estará presente en Cumaná non só a través dos seus representantes senón tamén por medio dun stand situado no recinto onde se celebra o encontro. Nel, daranse a coñecer a profesionais, investigadores, docentes e estudantes universitarios as actividades de investigación e os proxectos e iniciativas que leva a cabo a Administración pesqueira galega, así como a oferta formativa do Igafa e do resto de escolas pertencentes a este departamento da Xunta de Galicia.

Este seminario, que segue o modelo do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas que se realiza dende hai 11 anos no Grove, con motivo da Festa do Marisco, e en cuxa última edición tomou parte activa a Universidad de Oriente (Venezuela), créase para analizar o estado dos recursos vivos mariños, o seu grao de explotación, a sustentabilidade, o coñecemento e perspectivas do seu aproveitamento nos diferentes países iberoamericanos, co fin de promover de forma ordeada e eficiente a explotación pesqueira e a produción acuícola. No seu marco, búscase propiciar o debate e a análise do estado dos recursos naturais do mar e da acuicultura en Iberoamérica e, máis concretamente, en Venezuela.

Programa do encontro
Deste xeito, no II Foro Iberoamericano de los Recursos Marinos y de la Acuicultura desenvolveranse diversas actividades para o debate e a reflexión, comezando cunha conferencia inaugural sobre a seguridade alimentaria global e a diminución da pobreza a través da acuicultura. Ao longo dos catro días de encontro, tamén se celebrarán diversas conferencias maxistrais de ámbito global e iberoamericano sobre o estado e análise das pesqueirías e a actividade acuícola.

Neste sentido, entre o programa preparado para este encontro destacan conferencias que versan sobre moi diversos temas: o cambio climático, o manexo de pesqueirías artesanais de invertebrados en América Latina, o cultivo de microalgas para a produción de biodiésel ou a acuicultura de moluscos en Iberoamérica. Ademais, desenvolveranse mesas de traballo que tratarán sobre os recursos pesqueiros de Venezuela, a acuicultura neste país latinoamericano e a cooperación internacional en Iberoamérica.

En paralelo á celebración do Foro e vencellados a súa temática, impártense varios minicursos que teñen por obxectivo produndizar sobre o cultivo de peixes no Caribe, a artemia na acuicultura, as tendencias globais no desenvolvemento da acuicultura, o cultivo de moluscos sen penso, o cultivo en sistemas pechados, a ecoeficiencia no emprego de nitrógeno e fósforo na actividade acuícola, a cría de moluscos en minihatcheries, a xestión e o desenvolvemento sustentable do litoral de zonas costeiras, así como o cultivo de polbos, entre outros. Así mesmo, o encontro promove un taller, que se desenvolve ao longo desta xornada e no que participan investigadores do CIMA de Ribadeo, que ten como temática principal a xestión e o aproveitamento de erizos de mar en Iberoamérica.

Entre os convidados galegos a participar no II Foro Iberoamericano de los Recursos Marinos y de la Acuicultura en Cumaná, ademais da directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca, o director do CIMA, os técnicos do CIMA de Ribadeo e a delegación do Igafa, atópanse representantes da Universidade de Santiago de Compostela, así como dalgunha empresa adicada á produción acuícola na nosa comunidade. Ademais, participan responsables da Organización de las Naciones Unidas para la Agricultura y la Alimentación (FAO), da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (Aecid), ou do Instituto Oceanográfico das Illas Canarias, e representantes de diversas universidades de países de fala hispana como Uruguay ou Chile, entre outros.

Exit mobile version