Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo descualifica as declaracións da Delegación de Benestar Social da Deputación

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, cualificou hoxe de “maquiavélicas” as declaracións feitas onte dende a delegación provincial de benestar Social da Deputación de Lugo, que dirixe a nacionalista María Xosé Vega, sobre a concesión dunha axuda de 54.282 euros para o financiamento do Punto de Atención á Infancia de Cervo.

Para Villares, as valoracións vertidas onte polos nacionalistas responsables da área de benestar Social provincial “parecen sacadas dun manual de políticos de medio pelo”. “Non hai máis que escoitalos para darse conta de que estes personaxes políticos teñen un plan perfectamente orquestrado xunto cós seus compañeiros da Vicepresidencia e da consellería de Cultura para xogar ao Toma e Daca con Cervo” asegurou o rexedor.

Neste senso lembrou que o Cultura denegou hai uns meses ao concello unha serie de subvencións por valor superior aos 150.000 euros “argumentando escusas peregrinas polas cales temos interposto alegacións” dixo Villares. “A isto temos que engadir que Vicepresidencia negounos tamén axudas para o funcionamento do PAI, e agora,” -continuou Villares- “o BNG na Deputación concédennos esta axuda, pero aproveita para permítese o luxo de criticarnos porque lles parece pouca cantidade a que lles solicitamos”.

Por isto, ao primeiro edil resúltalle imposible entender o proceder dos responsables nacionalistas na Xunta e na Deputación. “Parece ser que cando nos negan subvencións é coma si lles comera a lingua o gato, e cando no las conceden parécelles mal” ironizou. Asegurou que dende o Concello sempre se solicitan subvencións a outras administracións “de xeito rigoroso, coma lle corresponde facer a un Concello coma Cervo” e adiantoulles aos responsables do ente provincial e da Xunta que Cervo estará atento “coma sempre” ás distintas liñas de axudas. “Teñan por seguro que solicitaremos todas cantas subvencións creamos necesario e pola contía que precisemos, incluídas tamén todas cantas nos teñen denegado nos últimos anos. Xa veremos despois cal será o discurso dos señores do Bloque na Deputación e na Xunta cando teñan que resolvelas” recalcou Villares.

En canto á subvención concedida, o alcalde asegurou que a súa contía iría destinada ao obxecto da petición, “e con ela melloraremos o servizo que estamos a prestar actualmente en asistencia e atención aos nenos que fan uso do PAI, coma non podía ser doutro xeito”. Finalmente sinalou que se seguiría cobrando a taxa de prezos públicos por este servizo “que foi establecida pola Xunta de Galicia no ano 2005, aínda que isto parece que sempre se lles esquece dicir aos señores do Bloque” recalcou Villares.

Exit mobile version