Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo informará as AAVV da negativa da Deputación a facer pasos elevados

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ten previsto manter unha xuntanza o vindeiro luns cos directivos das asociacións de veciños de Cervo e de San Ciprián para abordar conxuntamente o problema derivado da negativa por parte da Deputación de Lugo de instalar pasos elevados na estrada que vai dende a praza do Concello ata o Paraño (Cervo) e na avenida da Veiga (San Ciprián).

Desde o Concello tense solicitado reiteradamente á Deputación de Lugo a instalación de pasos elevados de peóns diante do novo centro de saúde de San Ciprián e nas inmediacións da praza do Souto (en Cervo) para evitar a circulación dos vehículos a velocidades elevadas e facilitar á vez o acceso aos peóns. Desde o ente provincial vense respondendo que aínda a pesar de ser viais da súa competencia, non teñen previsto realizar ningún tipo de actuación para solucionar o problema e como única alternativa suxiren que o Concello intensifique neses puntos o control de tráfico.

Diante desta contestación o Concello volve a dirixirse á Deputación informándolle que xa se tiñan dado ordes para que a Policía Local prestase especial atención nestes puntos, pero que aínda así, o número de axentes é limitado e a vixilancia as 24 horas do día nestes puntos é imposible de facer e por iso se lle reitera novamente a colocación de pasos elevados.

“En vista destas continuas negativas do ente provincial en solucionar un problema da súa competencia que pode derivar en traxedia, temos previsto manter unha reunión coas asociacións veciñais de San Ciprián e Cervo para intentar atopar unha solución a este problema” asegurou Villares.

Exit mobile version