Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros valora positivamente a creación da comisión para o seguimento da autoestrada

BARREIROS .- O BNG valora de xeito moi positivo que se aprobara por unanimidade no pleno celebrado hoxe no Concello de Barreiros a constitución duna comisión de seguimento das obras da autovía do Cantábrico ao seu paso por este municipio. Antonio Veiga di atoparse “moi satisfeito porque esta iniciativa do BNG fora apoiada primeiro polos outros grupos da oposición: PSOE e INDEBA e despois tamén polo PP, en definitiva polo pleno da Corporación Municipal de Barreiros”.

Veiga Outeiro explica que “entendíamos tamén que esta comisión tiña que terse constituído moito antes. Nós durante este ano presentamos diversas iniciativas ao respecto no Concello… non é que o BNG estivera desconfiando do traballo que estaban a facer o alcalde e o concelleiro de Obras que eran os que estaban facendo ese seguimento en solitario. Nós entendíamos que si conseguíamos que todos os grupos nos puxéramos de acordo para dirixirnos a Fomento e á empresa construtora e si ao mesmo tempo dábamos participación a esa xente que se estaba esquecendo, que se estaba obviando e que eran os representantes veciñais que son os que mellor coñecen os estragos que lles ocasionou a obra… si conseguíamos conxuntar todas estas fontes sociais e políticas e que todos remaran na mesma dirección entendíamos que o impacto que a autovía produce no concello de Barreiros podería ser resolto”.

O voceiro do BNG engade que “así coma o prevíamos pois saíu para adiante a proposta que se aprobou por unanimidade. Agora a partires do xoves empeza a traballar esa comisión na que está representada toda a Corporación Municipal e se establecerá un calendario de traballo para ir falando coas asociacións veciñais para que presenten as súas reclamacións e as súas iniciativas…algunhas xa as teñen presentado por escrito e outras sairán froito desas xuntanzas que terá a comisión con todos eles”.

Antonio Veiga considera que “cando hai vontade todo é posible. O BNG sempre estará a carón das asociacións veciñais para esta iniciativa e para outras que nos poidan expoñer”.

Exit mobile version