Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo usará tecnoloxía bluetooth para a promoción turística

RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernándo Suárez, presentou esta mañá a primeira fase dun proxecto moi ambicioso que persegue acercar ós turistas moitos dos encantos do concello a través da tecnoloxía bluetooth. O visitante terá acceso dende o seu móbil, PDA ou MP3 a información turística tan importante como mapas, rutas, axenda cultural, aloxamentos ou restaurantes. Instalaranse varias balizas de emisión en lugares moi frecuentados por visitantes dentro da vila, como a oficina de turismo ou a Casa da Xuventude. A través do bluetooth o turista poderá descargar a información turística máis destacada, que incluso levará audio.

Nesta primeira fase ofrecerase información a través de dúas rutas turísticas. A primeira levará o nome de “Ribadeo urbano” e consistirá nunha itinerario a pé polas principais rúas e na que o visitante poderá coñecer máis sobre a historia de Ribadeo. A segunda chamarase “Ribadeo pola costa” e ten o obxectivo de amosar os encantos do litoral do concello.

O alcalde de Ribadeo destacou en rolda de prensa a importancia desta iniciativa para converter Ribadeo nun referente do turismo na comarca. “A vocación turística de Ribadeo é moi importante, pero ten moito máis que dar de si. Niso estamos traballando nos últimos meses, con iniciativas relacionadas co turismo”, dixo Fernándo Suárez.

O proxecto ten un presuposto de 44.000 euros, co-financiados polo Ministerio de Industria, a través dos fondos europeos FEDER, e pola consellería de Innovación e Industria.

Exit mobile version