Site icon Crónica3.com A Mariña

Vivenda non executou vivendas protexidas na Mariña, asegura o PP

NOTA DE PRENSA
Todas as actuacións desenvolvidas nestes tres últimos anos forman parte de proxectos cuxa tramitación foi iniciada polo anterior Executivo autonómico do Partido Popular
O DEPARTAMENTO DA NACIONALISTA TERESA TÁBOAS NON EXECUTOU NIN UNHA SOLA VIVENDA PROTEXIDA NA MARIÑA LUCENSE NO QUE LEVAMOS DE LEXISLATURA

* Vivenda inviste máis cartos en publicidade e propaganda explicando o que teñen previsto facer no futuro que en construír vivendas a prezos accesibles das que poidan beneficiarse o conxunto dos mariñáns.

* Na súa web oficial inclúe un mapa de actuacións que non recolle ningún proxecto de vivenda protexida nin de rehabilitación nos 15 concellos da Mariña lucense.

A Mariña, 20 de novembro de 2008.- O departamento autonómico que dirixe a nacionalista Teresa Táboas non executou nin unha soa vivenda protexida na Mariña lucense no que levamos de lexislatura xa que todas as actuacións desenvolvidas nestes tres últimos anos forman parte de proxectos cuxa tramitación foi iniciada polo anterior Executivo do Partido Popular.

Así por exemplo as construcións residenciais de vivenda de promoción pública postas en marcha en Cervo (As Lobeiras e Rio Cobo), Alfoz ou Burela (estas últimas aínda por entregar) foron iniciadas por un Goberno popular e os actuais xestores nacionalistas tan só limitáronse a rematar, en moitos casos con destacados atrasos, a entrega definitiva das vivendas.

CONSELLERÍA DE … PROPAGANDA

A maiores, pese ás dificultades que cada mariñán estase a atopar á hora de adquirir a súa primeira vivenda a Xunta bipartita gasta máis cartos en publicidade que en construír neste momento vivendas a prezos accesibles das que poidan beneficiarse o conxunto dos veciños desta comarca. En consecuencia, o retroceso sufrido polas políticas autonómicas de vivenda e o errado da política de gasto que están a aplicar os dirixentes deste departamento autonómico fan que en lugar de denominarse Consellería de Vivenda, debera chamarse Consellería de Propaganda, pois a día de hoxe se inviste máis en publicidade ca en medidas orientadas a facilitar o acceso dos galegos a unha morada digna

De feito, nos últimos días, puidemos ver os esforzos desta Consellería por ocultar a realidade dunha comarca como é a da Mariña lucense onde, de xeito evidente, os proxectos que se están a desenvolver non son os suficientes para absorber toda a demanda de vivenda existente. O departamento que dirixe a nacionalista Teresa Táboas pecou ao longo desta lexislatura de falta de iniciativa e pretende, nestes últimos meses de xestión desviar a atención e falar de proxectos de futuro, como o plan sectorial de vivenda, porque son conscientes de que nada teñen que dicir sobre o feito no presente.

O BNG NON PODERÁ FACER FRONTE AOS SEUS COMPROMISOS

Á vista dos resultados subliñados con anterioridade e con estes antecedentes, os populares dubidan que os actuais xestores da Xunta sexan capaces de materializar o compromiso, anunciado en datas recentes, de poñer no mercado, a disposición dos promotores o solo necesario para construír mil novas vivendas na nosa comarca.

PARTICIPACIÓN DOS CONCELLOS NO DESEÑO ESTRATÉXICO

A este respecto, desde o Partido Popular comarcal insisten na necesidade de que unha planificación estratéxica da posta en marcha de novas construcións de vivenda accesible debe contar coa colaboración dos distintos concellos, cos que ten a obriga de dialogar a administración autonómica de xeito que as entidades locais poidan buscar solares axeitados para construír esas vivendas tan demandadas.

Ata o momento os concellos están a verse privados de participar neste deseño estratéxico o que, segundo os populares, é tanto como recoñecer que o novo plan vai a ser un fracaso e tan só ten por obxecto buscar réditos electorais. “Non poden vender o que non teñen feito e por iso falan do que teñen previsto facer. Sería unha imprudencia crer que en catro anos máis serán capaces de mudar radicalmente a parálise e a desidia que ten caracterizado ao departamento nacionalista de Teresa Táboas nesta lexislatura”

A MARIÑA NON EXISTE PARA A WEB DA CONSELLERÍA

Como simple dato significativo do esquecemento no que a Consellería de Vivenda mantén aos concellos da Mariña lucense, no plano de actuacións reflectido na súa web oficial (http://conselleriavivenda.xunta.es/web/actuamos) non existe un só proxecto de construción de vivenda protexida nin de rehabilitación en ningún dos 15 municipios da comarca. “Isto é algo contrastable, que todos podemos ver, e que facemos evidente a través da captura da imaxe desta páxina corporativa”. Os populares están convencidos que na mente dos xestores da actual Xunta de Galicia “A Mariña non existe. E isto debe cambiar.”

Exit mobile version