Site icon Crónica3.com A Mariña

O SERGAS cree estar solucionando a demanda de cardioloxía con dous novos cardiólogos

O SERGAS cree que está solucionando a demanda de cardioloxía con dous novos cardiólogos

Nota de Prensa

O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE ESTÁ SOLUCIONANDO A DEMANDA PENDENTE DE CARDIOLOXÍA NA MARIÑA LUCENSE CON DOUS NOVOS CARDIÓLOGOS

    * O director da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Julio Villar Barreiro, destacou que se está a producir a diminución de derivacións a outros centros sanitarios coa incorporación en xuño deste ano dunha praza fixa dun cardiólogo e outro novo contratado fai dous meses
    * Julio Villar lembrou o compromiso do Goberno coa Mariña lucense, posto de manifesto co incremento dun 40 por cento no orzamento do hospital, a incorporación de 35 profesionais máis e a inversión de 9,5 millóns de euros no Novo Plan Funcional

 

Santiago, xoves 13 de novembro de 2008.- O director da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Julio Villar Barreiro, asegurou hoxe durante a súa comparecencia na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, que o Servizo Galego de Saúde “dará solución á demanda pendente de Cardioloxía neste mesmo ano, normalizando a situación na Mariña lucense plenamente no primeiro trimestre de 2009”. Isto será posible grazas á incorporación de dous novos cardiólogos, un incorporado en xuño con praza fixa e outro contratado fai dous meses polo Servizo Galego de Saúde.

Durante a súa intervención, Villar Barreiro quixo deixar patente o compromiso do Servizo Galego de Saúde “coa atención e satisfacción das necesidades de todas as persoas que acoden aos servizos sanitarios”.

Neste sentido, Julio Villar Barreiro explicou as xestións que desde o Servizo Galego de Saúde se están levando a cabo desde un primeiro momento para facer fronte á acumulación de demanda que se viña dando nesta área no Hospital da Costa. Así, o director da División de Asistencia Sanitaria, destacou a posta en marcha dunha consulta de Medicina Interna centralizada, “que fai a valoración previa de varias especialidades, entre elas cardioloxía, co fin de avaliar aos pacientes que non poidan esperar e adiantar a realización das probas”. 

Así mesmo, Villar Barreiro sinalou que tamén “se optou por trasladar aos e ás pacientes que así o necesitaran e non puidera asumir o Hospital a centros de referencia de Lugo e A Coruña, todos eles concertados co Servizo Galego de Saúde e o máis preto posible da Mariña lucense”. Deste xeito, explicou que en 2006 comezaron as derivacións ao Policlínico Lucense, e cando este non puido asumir o número de probas que precisaba o Hospital da Costa, foi cando se empezaron a enviar ao Hospital de San Rafael. 

En relación con isto, o director da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde destacou que no último período deste ano diminuíu o número de derivacións, grazas á incorporación dun novo cardiólogo en xuño de 2008, trala Oferta Pública de Emprego de 2006. Julio Villar lembrou que coa OPE 2006 acadaron un emprego estable no Hospital da Costa 31 profesionais e, ademais dun cardiólogo, incorporáronse ao centro hospitalario tres especialistas en Oftalmoloxía.

Julio Villar Barreiro sinalou ademais a posta en marcha dun Plan especial “coa contratación dun cuarto cardiólogo, fai dous meses, co que se prevé reducir ao mínimo a remisión de pacientes para a realización de probas diagnósticas cardiolóxicas”.

Villar Barreiro subliñou tamén que os custos derivados dos desprazamentos están sendo asumidos pola Dirección Provincial de Lugo, e que os custos dos familiares se tramitan a través de Inspección Médica, tendo en conta a normativa vixente para tales casos. Destacou, así mesmo, que “a totalidade dos pacientes pendentes de probas, son pacientes crónicos, xa que os pacientes agudos ou urxentes son atendidos de inmediato”.

Máis persoal e equipamento

O director da División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde aproveitou a súa intervención para subliñar a aposta do Goberno galego polos servizos sanitarios. Así, lembrou que os recursos económicos destinados á Sanidade pública galega dende o inicio da lexislatura foron de 14.000 millóns de euros.

Julio Villar Barreiro destacou os criterios do Servizo Galego de Saúde de planificación e cobertura asistencial, baseados en valores como a universalidade, equidade e accesibilidade, reflectidos na Lei Xeral de Sanidade e sustentados na “concepción da saúde como un dereito das persoas”.

Así, Julio Villar subliñou que dende o inicio da lexislatura “foi preciso sanear as débedas, incorporar maiores recursos financeiros, reorganizar a asistencia cara a unha atención integral da saúde, renovar as dotacións e infraestruturas sanitarias, modernizar a sanidade incorporando novas tecnoloxías da información e da comunicación, e fortalecer e incrementar os recursos humanos”.

Neste sentido, sinalou o aumento dos cadros de persoal levado a cabo nos últimos catro anos, lembrando que “por primeira vez se incrementou o peso relativo do capítulo 1 de persoal, que medrou nestes anos nun 28%”. Este esforzo supuxo a creación de 2.831 novas prazas, que superan as creadas nos oito últimos exercicios do goberno anterior, e que significou un incremento de 35 profesionais para o Hospital da Costa. 

Así mesmo, Villar Barreiro destacou que “nos dous últimos anos a Consellería de Sanidade incrementou un 33 por cento o número de prazas acreditadas en Cardioloxía” e lembrou ao Grupo Popular que “nas dificultades de hoxe para atopar cardiólogos, algo terá que ver a nula planificación que o anterior goberno fixo ao respecto”.

Julio Villar Barreiro quixo transmitir o compromiso do Servizo Galego de Saúde coa mellora asistencial, a tecnoloxía e as infraestruturas do Hospital da Costa, e por iso lembrou que o orzamento destinado ao hospital se incrementou nun 40 por cento e que a débeda de preto de tres millóns e euros que existía ao inicio da lexislatura, foi saneada.

Julio Villar sinalou o forte investimento levado a cabo en equipamento, “que supera o millón de euros en alta tecnoloxía, entre os que destaca un TAC de 16 cortes e a dixitalización de radioloxía”. Tamén se puxo en marcha a Unidade de Soporte de Coidados Paliativos e a Unidade Continuada de coidados en Psiquiatría.

Villar Barreiro destacou tamén o desenvolvemento do Novo Plan Funcional, que adecuará a súa infraestrutura e incrementará os recursos asistenciais, cunha actuación en 5.600 metros cadrados e un presuposto de 9,5 millóns de euros, e que suporá un crecemento no ámbito ambulatorio de hospital de día e diálise e un aumento das consultas.

Así mesmo, lembrou que están en fase de adxudicación as obras da planta de Xinecoloxía, Obstetricia e novos paritorios, e sinalou as melloras substanciais acadadas nos tempos medios de espera.

Finalmente, o director da División de Asistencia Sanitaria resaltou que o Servizo de Cardioloxía do Hospital da Costa é un servizo de prestixio, e que conta “cuns profesionais comprometidos e volcados na súa tarefa de garantir unha asistencia cardiolóxica plenamente satisfactoria para toda a cidadanía de A Mariña”.

Exit mobile version