Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos reparará de urxencia o ribazo que se desprendou en Mirasol

RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, confirmou hoxe que as intensas chuvias destes días provocaron que onte un ribazo de terra ocasionase importantes desperfectos nunha nave do porto comercial de Mirasol. O rexedor di que “na noite de onte unha lingua de terra veuse abaixo e foi dar contra dúas naves que operan no porto. Nunha delas causou moitos desperfectos porque levou o tabique da parte de atrás da nave meténdose esa lingua de terra bastante cara dentro desas instalacións e na nave contigua tamén ocasionou algún deserfecto”.

As instalacións afectadas foron visitadas esta mañá polo enxeñeiro xefe da zona norte de Portos de Galicia “e estivemos avaliando que é o que se vai facer para minimizar posibles riscos e deu instrucións para empezar a eliminar esa terra e así evitar que poidan producirse máis desprendementos. Tamén por unha cuestión precautoria decidimos Portos e o Concello de Ribadeo cortar ao tráfico o acceso ao porto comercial de Ribadeo nestes primeiros días para ver como vai evolucionando esta situación. O enxeñeiro confirmoume que iniciará os trámites para contratar de urxencia as obras de estabilización do ribazo en cuestión e agardamos que non vaia a máis”, segue a relatar o alcalde ribadense.

Fernando Suárez aproveitou a ocasión para pedirlle a Portos que “agora que se está a facer un carril adicional en Mirasol se prolongue un pouco máis ese acceso para que teña máis anchura e así non abusar tanto do precipicio e ir un pouco máis terra a dentro. O enxeñeiro veo con bos ollos, pero esta actuación agora mesmo non é urxente, o inminente é garantir a seguridade das naves afectadas polo desprendemento desa lingua de terra”.

Exit mobile version