Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo pecha o exercicio económico do 2007 con melloras sobre os anteriores

RIBADEO .- No pleno da vindeira semana no Concello de Ribadeo someterase a aprobación a conta xeral do exercicio de 2007 “a primeira do actual equipo de goberno desde que chegou ao Concello”, segundo puntualiza o concelleiro de Economía e Facenda, Vicente Castro. O resultado antes de axustes é de 32.000 euros en positivo e despois dos axustes e desviacións correspondentes da un saldo negativo de 193.000 euros. Castro di que “si comparamos estes datos cos do exercicio de 2006, esa conta antes de axustes presentaba un saldo de menos 374.000 euros e despois de axustes de menos 411.000 euros”.

O edil nacionalista explica que “as desviacións negativas son os gastos realizados e non cobrados durante o exercicio en cuestión e as desviacións positivas son os gastos cobrados e non gastados no exercicio en curso. Entón aplicadas estas desviacións a conta de 2007 arroxa un saldo negativo de 193.000 euros, e Isto ven dado por algunha partida que chegou a finais de ano de desviación positiva como é o caso do PDT complementario polo que se ingresaron 250.000 euros antes de rematado o ano e non se executou nada no 2007, senón que se está a executar neste ano e no vindeiro”.

Cambio de tendencia

Vicente Castro considera que “o resultado da conta aínda que non sexa unha grande mellora supón un cambio de tendencia e sobre todo tendo en conta o pouco período de tempo no que se puido incidir nela no exercicio pasado e que contamos seguir mellorando nos exercicios seguintes”.

O responsable de Economía e Facenda engade que “o resultado do remanente negativo acumulado de 2007 supón 656.000 euros fronte aos 668.000 do exercicio de 2006. Tampouco este dato supón unha grande mellora, pero sI se dá unha variación en positivo. Hai que ter en conta que neste resultado do remanente negativo inflúe o mesmo que dicía antes… as desviacións positivas de gasto cobrado e non realizado que é o referente ao PDT complementario. Sen el o resultado do remanente negativo quedaría en 400.000 euros e melloraría substancialmente a conta con respecto ao ano anterior”.

Vicente Castro cre que “esa é a tendencia que temos que seguir levando adiante desde a delegación de Facenda mellorando ano tras ano. Temos que buscar o equilibrio financeiro entre ingresos e gastos para poder facer fronte, por exemplo, aos pagos a provedores cunha periodicidade máis curta que na actualidade. Esa é a tendencia e a liña que levaremos adiante nos vindeiros anos”.

Exit mobile version