Site icon Crónica3.com A Mariña

Subvencións da Deputación para obras no concello de Burela

BURELA .- A Deputación de Lugo ven de concederlle tres subvencións ao Concello de Burela, segundo acaba de anunciar o alcalde, Alfredo Llano. Dúas irán destinadas “ao asfaltado e arranxo de cunetas dos camiños do Río Masma e dos Maros. Estas subvencións foron solicitadas pola asociación de veciños e complementadas polo Concello, o cal quere dicir que existe unha colaboración clara entre os veciños e o Concello de Burela”, apunta o rexedor. A terceira das subvencións terá coma destino o centro de día. Llano considera que “existe unha intención clara de aportar solucións e cartos para beneficio do pobo de Burela en todos os aspectos. O importe das subvencións ainda non se pode cuantificar, pero saberémolo en breve”.

Obras en Pomeda

O alcalde de Burela manifesta que as obras que se están a realizar na zona de Pomeda rematarán o vindeiro mes de decembro. Alfredo Llano sinala que “se está a preparar unha zona emblemática de Burela que non é moi coñecida, pero que quedará moi ben gracias ás obras que está realizando o obradoiro de xardinería. Trátase dunha zona que se sitúa entre o paso do Mulariño e o camiño de Cinoche moi preto do río Ril onde ademais hai unha arboleda moi antiga”. O alcalde engade que “esa zona que enlaza Pomeda con Vila do Medio xa se pode visitar e un sorpréndese de como se facían as cousas antes porque se descubriron unhas paredes incribles que están bordeando o río e os restos dun muíño. Alí vese perfectamente a combinación que ten Burela do mar co interior”.

Exit mobile version