Site icon Crónica3.com A Mariña

340.000 euros par a sétima fase de rehabilitación do casto histórico de Ribadeo

RIBADEO .- A 7ª fase da rehabilitación do casco histórico de Ribadeo suporá uns investimentos de 340.000 euros desde o 2009 ao 2011e posibilitará o arranxo de 20 vivendas. Deses cartos, segundo explica o alcalde, Fernando Suárez, “o Concello aportará 54.000 euros, 130.000 a Xunta e 156.000 o Ministerio de Vivenda”. Suárez asinou nas últimas horas o convenio que permitirá levar adiante esta nova fase coa ministra de Vivenda, Beatriz Corredor e a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.

O rexedor asegura que “este novo convenio supón un novo paso adiante nesta ansia por recuperar un dos cascos históricos mellores e máis singulares de todo o noso país, aínda que nunha situación nalgúns aspectos bastante deteriorada. Ese desembolso de cartos suporá que os veciños propietarios de vivendas no casco vello de Ribadeo poidan seguir beneficiándose destas axudas… que non son só de agora porque temos unha oficina desde hai anos que ven tramitando este tipo de subvencións”.

Fernando Suárez considera que “isto é seguir tendendo a man para todos aqueles propietarios de vivendas que as teñen moitas veces nun estado lamentable… de que teñen axudas para poder mellorar a fisionomía deses inmobles. Tamén hai que dicir que moitos dos propietarios que viven nesas vivendas do casco vello interésanse e infórmanse e piden subvencións para tentar ter as súas casas da mellor maneira posible. Soamente ou case exclusivamente son os que non viven aquí os que se despreocupan do seu patrimonio e das súas obrigas”. O alcalde ribadense engade que “son un pouco os obxectivos que nos marcamos desde o Concello á hora de pedirlles responsabilidades en canto a salubridade, seguridade e ornato e nesa liña seguimos, tendendo a man a quen rehabilita o seu patrimonio e axuda a mellorar a estética do casco vello e marcándonos o obxectivo de rematar con todas esas situacións que provocan as vivendas que están moi deterioradas e cuxos propietarios sabendo dos deberes que teñen non se queren facer cargo desas obrigas patrimoniais”.

Exit mobile version