Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta investirá 10 millóns de euros na reforma da estrada “que comunica Ferrol coa Mariña luguesa”

Ponte de O Baleo na estrada da costa, OrtigueiraA MARIÑA .- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño anunciou que se destinarán preto de 10 millóns de euros na reforma da estrada que comunica Ferrol coa Mariña Luguesa. Na rolda de prensa posterior á reunión do executivo autonómico, Pérez Touriño deu conta, de que a citada inversión corresponde a un total de 62 quilómetros de estrada que van desde Neda, Xubia, ata o porto do Barqueiro.
Trátase dunha “actuación importante de mellora substancial desta estrada”, dixo Touriño, que, a día de hoxe, é a principal vía de comunicación para os concellos da zona norte da provincia de A Coruña: Neda, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, entre outros.

Fonte

O presidente da Xunta anuncia que o Goberno galego destinará case 120 millóns de euros para a contratación e licitación de obra pública

Precisa que se investirán 53 millóns de euros no terceiro treito da terceira rolda da Coruña e 44,8 millóns de euros no primeiro treito entre Tui e Tomiño da autovía Tui-A Guarda

Concreta que se destinarán case 10 millóns de euros á reforma da estrada que comunica Ferrol e a Mariña de Lugo e 8,3 millóns a dúas infraestruturas da comarca de Sarria, ata Triacastela e ata o Incio

Remarca a achega de 10 millóns de euros para cubrir o financiamento do seguro de pagamentos protexidos dos traballadores galegos que formalicen un crédito para a adquisición ou reforma dunha vivenda, ou a compra dun automóbil

Destaca que a adenda de 4 millóns de euros aprobada hoxe para as SGR galegas, axudará a reforzar o seu capital en 10 millóns de euros para tramitar con “intensidade” e “celeridade” os avais que se lle requiran

Salienta a aprobación dun orzamento próximo aos 100.000 euros para axudar aos traballadores galegos das empresas da lousa afectados pola crise

Informa da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o Complexo Hospitalario de Pontevedra

Indica que a Fundación Cidade da Cultura achegará 12,5 millóns de euros á creación da Fundación Mixta Público-privada que xestionará as actividades do Gaiás

Lembra que o Estado leva aportado en 2008 unha contía total de 61 millóns de euros para a aplicación da Lei de Dependencia

O presidente da Xunta anuncia que o Goberno galego destinará case 120 millóns de euros para a contratación e licitación de obra pública

Santiago, 11 decembro de 2008.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño anunciou hoxe que o Goberno galego destinará preto de 120 millóns de euros para á contratación e licitación de obra pública en materia de autoestradas na nosa comunidade, de acordo á autorización do Consello da Xunta celebrado hoxe.

Na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo Autonómico, Pérez Touriño deu conta das principais actuacións nas que reverterá esta contía. Así, explicou que a Sociedade Pública de Investimentos autorizou á Consellería de Política Territorial, Obras públicas e Transportes o investimento dun total de 53 millóns de euros nas obras de inicio do terceiro treito da terceira rolda da Coruña; en concreto, do que vai desde a estrada vella de Arteixo ao Polígono de Pocomaco. Unha obra, dixo, “de extraordinario interese para a mobilidade e o acceso á cidade que significa unha nova entrada á Coruña libre de peaxe”.

Por outra banda, o presidente destacou a partida de 44,8 millóns de euros correspondentes á execución do primeiro treito da autovía Tui-A Guarda. Segundo detallou, son 3,9 quilómetros entre Tui e Tomiño que, desde o primeiro momento terán características de autovía, ademais de que prevé a realización do nó de enlace coa A-55, Vigo-Tui. Touriño explicou que nesta autovía, que ten un custe total de 200 millóns de euros ao longo de 35 quilómetros, o terceiro tramo que vai de Goián á Guarda está licitado e a piques de ser adxudicado, e o tramo intermedio, que é o que vai de Tomiño a Goián, está en estudio de alegación, pendente da tramitación da declaración de impacto ambiental.

Reformas de estradas con menos densidade de tráfico
No que respecta á reforma de estradas con menor densidade de tráfico, o titular do Goberno galego expuxo que se investirán case 10 millóns de euros na reforma da estrada que comunica Ferrol coa Mariña Luguesa, un total de 62 quilómetros de estrada que van desde Neda, Xubia, ata o porto do Barqueiro. Trátase dunha “actuación importante de mellora substancial desta estrada”, dixo Touriño, que, a día de hoxe, é a principal vía de comunicación para os concellos da zona norte da provincia de A Coruña: Neda, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, entre outros.

Na mesma liña, se destinarán 8,3 millóns de euros na mellora da seguridade viaria de dúas infraestruturas na comarca de Sarria, en particular a que comunica Sarria con Triacastela e Sarria coa Cruz do Incio. As actuacións afectarán á mellora do firme e seguridade da estrada que comunica Pedrafita co Alto do Hospital (LU-633), ao redor de 22 quilómetros; e á LU-641, nos seus 15,2 quilómetros.

No que respecta a actuacións portuarias, Pérez Touriño salientou que o Goberno investirá 3,2 millóns de euros na última fase da urbanización portuaria en Porto do Son, de acordo a un convenio entre o ente público Portos de Galicia e o propio concello.

Seguro de pagamento protexido para traballadores
No decurso da súa intervención, o xefe do Executivo galego referiuse ás medidas do Goberno para a axuda ao financiamento que hoxe aprobou o Consello e que destinarán 10 millóns de euros ao financiamento do seguro de pagamentos protexidos para traballadores galegos. Esta liña de axudas permitirá subvencionar a totalidade da prima aos traballadores galegos que formalicen un crédito para a adquisición dunha vivenda, un automóbil ou para o plan de reforma da vivenda enfocado ao aforro enerxético e á sustentabilidade.

O mandatario galego explicou que esta medida, que hoxe se pon en marcha, establece unha contía máxima de 30.000 euros para préstamos destinados á adquisición dun turismo novo, outros 30.000 euros para a reforma da vivenda habitual e 170.000 para prestamos hipotecarios, cun período máximo de 22 meses dos que o seguro cubrirá 12 cotas consecutivas ou alternativas. O importe máximo para este fin será de 1.600 euros no caso dos préstamos hipotecarios e de 1.000 euros no caso doutros préstamos.

Addenda adicional de 4 millóns de euros para as SGR
Na reunión do Consello da Xunta de hoxe, aprobouse tamén unha addenda de 4 millóns de euros para reforzar a capacidade das Sociedades de Garantía Recíproca galegas (Afigal e Sogarpo) co fin de facilitar o financiamento das PEMES.

O presidente da Xunta lembrou que se trata dunha achega que se suma aos 6 millóns de euros que xa recollía o convenio firmado o pasado mes de xullo entre o Igape e as SGR galegas, polo que as Sociedades de Garantía Recíproca reforzan o seu capital con 10 millóns de euros para que poidan estar en condicións de tramitar con “celeridade e con toda a intensidade necesaria” todos os avais que se lle requiran en relación coas liñas de apoio ás PEMES.

Axudas aos traballadores da lousa
O titular da Xunta tamén detallou a aprobación dun convenio de colaboración coa consellería de Traballo e as entidades financeiras para apoiar aos traballadores de empresas do sector da lousa afectados pola crise. A través deste acordo, sinalou Touriño, subvencionarase mediante unha partida de 100.000 euros, o 100 por cen dos xuros e a comisión de apertura dos préstamos persoais que os traballadores galegos da lousa que teñan pendente o cobro do seu salario necesiten. A medida, apuntou, podería beneficiar a preto de 100 operarios que traballan neste sector en empresas ubicadas fundamentalmente nas provincias de Lugo e Ourense.

Complexo Hospitalario de Pontevedra
Así mesmo, o Consello da Xunta, aprobou o proxecto sectorial definitivo de incidencia supramunicipal para o Complexo Hospitalario de Montecelo, en Pontevedra, que ten por obxecto a ampliación e modernización do Complexo, coa construción dun novo edificio como eixe central.

Con este proxecto, poderase dispoñer do espazo físico necesario para poder edificar unha infraestrutura de interese público, e a partir de agora xa se pode acceder ao inicio do procedemento da expropiación dos terreos afectados, que comezará no mes de xaneiro, e a licitación da obra.

O presidente recordou que esta era unha das infraestruturas hospitalarias pendentes xunto á de Vigo que, dixo, está practicamente a punto de chegar a esta situación. “Espero que nos próximos meses poidamos darlle o visto bo”, sinalou.

Unha Fundación que xestionará as actividades do Gaiás
O máximo mandatario galego informou de que a Fundación Cidade da Cultura achegará 12,5 millóns de euros á Fundación Mixta Público-Privada que xestionará as actividades no complexo do Gaiás que teñen carácter comercial. Esta fundación, precisou Touriño, conta cun capital de arredor de 25 millóns de euros e terá unha participación privada dun 51 por cento, mentres que a participación pública nunca superará o 49 por cento. Na fundación participarán a parte máis relevante das empresas e o empresariado galego nun proxecto “estratéxico para Galicia”, incidiu.

Segundo manifestou o presidente, o Consello de hoxe culminou toda a parte administrativa para que nos próximos días se poida constituír en acta fisicamente a nova fundación, que estará presidida por Juan Manuel Urgoiti e que se crea coa finalidade de xestionar as actividades transversais do centro: O Centro internacional de Arte, O Museo de Nenos e o espazo Obradoiro.

Lei de Dependencia
Finalmente, Pérez Touriño referiuse ao Convenio entre o Estado e a Xunta de Galicia polo que se refrenda a percepción de algo máis de 20 millóns de euros para a aplicación da Lei de Dependencia. O presidente lembrou que o Estado leva aportado a Galicia este ano no entorno de 61 millóns de euros.

Nesta liña, indicou que hai o compromiso para o ano que vén da aportación por parte do Goberno Central de 80 millóns de euros para aplicación desta Lei.

Exit mobile version