Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo xestiona con Costas melloras na praia de Rueta

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantivo unha xuntanza co xefe provincial do departamento estatal de Costas co obxecto de valorar as actuacións que se teñen previsto desenvolver na praia de Rueta, única praia non urbana de Cervo. As actuación previstas “suporían a disposición dun novo acceso” e incluiría un “aparcamento e un paseo peonil que finalizaría nun mirador”.

Nota de Prensa

Na idea do Goberno municipal está eliminar o actual acceso pola súa perigosidade e impacto visual e substituílo por unha nova entrada na que se disporía dunha zona aparcamento, dunha senda peonil que rematada nun mirador e unhas instalacións para os usuarios da praia, bañistas e pescadores

VILLARES XESTIONA ANTE COSTAS A MELLORA DA PRAIA DE RUETA

* O Alcalde mantivo unha xuntanza co xefe provincial do departamento estatal de Costas co obxecto de valorar as actuacións que se teñen previsto desenvolver neste areal, única praia non urbana do termo municipal e paraxe de gran beleza.

Cervo, 03 de decembro de 2008.- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, xestiona ante o departamento estatal de Costas a mellora da praia de Rueta, único areal non urbano sito no seu termo municipal. Na idea do primeiro edil cervense está eliminar o actual acceso pola súa gran perigosidade e impacto visual. Neste momento aquelas persoas que se achegan ata a praia teñen que baixar unha gran pendente e un treito asfaltado que ademais está a verse deteriorado pola acción do mar.

NOVO ACCESO, NOVOS SERVIZOS, RECUPERACIÓN DO CONTORNO NATURAL

As actuacións que teñen previsto desenvolverse desde a Dirección Xeral de sostibilidade da Costa, a instancias do Concello de Cervo, suporían a disposición dun novo acceso por unha zona distinta ao actual, que incluiría un espazo de aparcamento e un paseo peonil que finalizaría nun mirador, desde o que sería posible botar unha ollada a un paraxe de grande beleza paisaxística. Xunto a iso o rexedor municipal tamén indicou a importancia de contar cunhas novas instalacións que poderían servir para albergar aseos e outros servizos dirixidos aos usuarios da praia, así como un espazo para as lanchas e embarcacións alí presentes. As actuacións completaríanse coa recuperación do contorno natural da praia que viría ademais aumentada a súa zona de areal.

SOBRE O TERREO

Con este obxecto, o primeiro edil de Cervo mantivo no día de hoxe unha xuntanza con xefe provincial de sostibilidade da Costa, José Miguel Estevan Dols, organismo dependente do Ministerio de Medio Ambiente. Ambos mandatarios desprazáronse ata o lugar e supervisaron sobre o terreo as posibles actuacións a desenvolver no contorno.

O Goberno municipal ao longo dos últimos anos está a desenvolver de xeito conxunto con outras administracións un gran esforzo para a posta en valor dos paseos marítimos, areais e zonas costeiras do termo municipal. Neste obxecto enmárcanse as actuacións que teñen previsto levarse adiante na praia de Rueta “ofrecendo unha solución definitiva as problemáticas que hoxe ten un dos paraxes de maior beleza de Cervo”.

Exit mobile version