Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo propón que as achegas do goberno central para a crise se empreguen en obras de carácter medio ambiental

NOTA DE PRENSA:

O BNG PROPON APROVEITAR O FONDO DE INVESTIMENTO MUNICIPAL APROBADO POLO CONSELLO DE MINISTROS O 28 DE NOVEMBRO EN OBRAS DE CARACTER MEDIOAMBIENTAL.

Os nacionalistas entenden que este fondo excepcional dotado con 845.296 euros debe utilizarse para actuacións de gran calado e permanencia no tempo e non nunha sucesión de parches a curto prazo.

O BNG presentará unha proposta que pon as bases para a realización do saneamento e depuración integral de augas residuais de todo o concello.

O Consello de Ministros na súa reunión do día 28 de novembro aprobou por Real Decreto-Lei a creación dun Fondo de investimento municipal para financiar a realización de actuacións urxentes en materia de investimentos xeradoras de emprego, por un importe de 8.000 millóns de euros.

En función dos criterios de reparto aprobados, a contía que se prevé reciba o Concello de Cervo é de 845.296 euros. O Real Decreto-Lei establece cales son as obras financiables con tal Fondo, e así mesmo establece unha serie de prazos para axilizar a posta en marcha de tales medidas. Os Concellos deberán presentar as solicitudes de financiamento dos seus proxectos entre o 10 de decembro e o 24 de xaneiro de 2009, a través da páxina do Ministerio de Administracións Públicas. A maior abondamento, os concellos poderán iniciar as obras desde o 11 de xaneiro e nunca máis tarde do 13 de abril, e deberán estar rematadas antes do 31 de marzo de 2010.

PROPOSTA NACIONALISTA

O BNG presentará unha proposta para a súa execución con cargo aos fondos procedentes do Fondo Estatal de Inversión Local na que se inclúan dúas grandes redes de evacuación para saneamento das poboacións do interior do concello asentadas nas cuncas dos ríos Xunco e Covo.

A proposta do BNG esta baseada na evidente reclamación social que demanda infraestruturas básicas para poder desenvolver mediante proxectos de menor entidade de acordo con criterios de necesidade o saneamento e depuración integral do concello que non será posíbel sen a existencia de grandes redes de evacuación cara as plantas depuradoras, unha delas xa proxectada nas inmediacións do polígono de Cuíña.

A poboación asentada na zona rural do Concello de Cervo ocupa fundamentalmente as cuncas dos Ríos Covo e Xunco non pode disfrutar na actualidade de servizos básicos como o saneamento dos que xa dispoñen dende fai anos os seus veciños residentes en San Cibrao, Cervo, Sargadelos ou Gondrás e algún outro punto onde neste momento están en execución ou se prevén actuacións dirixidas a poñer en marcha este servizo, aínda que de momento e até que a Conselleria de Medio Ambiente execute a EDAR prevista en Cuiña non exista depuración desas augas residuais.

Dende o BNG cremos tódolos veciños do concello deben aspirar a disfrutar dos mesmos servizos en igualdade de condicións polo que a achega excepcional dos fondos de inversión local debe aproveitarse para por en marcha actuacións de carácter estrutural que sirvan para desenvolver a medio prazo unha autentica rede de saneamento e depuración de augas residuais.

Exit mobile version