Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo acondiciona a estrada Rúa-San Román pola inoperancia da Deputación

CERVO .- Operarios municipais do Concello de Cervo procederon no día de hoxe a tapar as fochas existentes nun treito de 1,6 quilómetros sen asfaltar da estrada provincial que une os núcleos de poboación de Rúa e San Román, e que tamén serve de vía de comunicación coa capitalidade do municipio e cós concellos limítrofes de Burela e O Valadouro.

A decisión de acometer este rebacheo con zahorra foi adoptada hoxe polo Goberno Municipal que preside Alfonso Villares tras esperar unha semana a que a Deputación fixera efectiva a promesa da voceira socialista na corporación e vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, a cal se comprometeu o pasado venres en nome do ente provincial a reacondicionar esta vía antes da chegada das datas do Nadal durante unha xuntanza mantida con representantes de asociacións e membros do Equipo de Goberno Local.

Villares sinalou que tras dous meses de reiteradas peticións solicitándolle o amaño deste treito á Deputación parecía que “por fin” o problema quedara desbloqueado có anuncio feito pola concelleira da oposición e representante da Deputación, “pero visto que o Nadal xa está aquí, e a estrada segue igual, dende o Concello decidimos asumir a responsabilidade de facer obras de mantemento nun ben público que non é da nosa competencia, có obxectivo de tentar minimizar na medida das nosas posibilidades a perigosidade que entraña circular por esta estrada nas condicións nas que está”.

O alcalde cervense incidiu en que a Deputación é a única administración con competencias para amañar esta estrada, “pero aínda así, non fan nada arranxar o problema de todos os veciños que viven nestes importantes núcleos do concello; aos cales lles é imposible circular debido ao mal estado que presenta este treito sen asfaltar debido ás choivas dos últimos meses”. Ademais engadiu que neste treito discorre tamén un número considerable de postes do tendido eléctrico, que tras o ancheado da estrada, quedaron no medio do vial có conseguinte risco para o tráfico. “Por todo isto -dixo Villares- os veciños de Rúa e San Román vénse na obriga de utilizar coma único traxecto alternativo unha estrada de titularidade municipal coñecida como Seixoso para comunicarse có resto de poboacións e concellos limítrofes, pois as deficiencias da estrada provincial levan presentes durante máis de dous meses.

A ESPERA CONTINÚA

O alcalde puntualizou que esta actuación municipal é un arranxo provisional e de mantemento que se fai de forma urxente para minimizar a perigosidade deste treito de estrada provincial sen asfaltar, e avanzou que seguiría “da man dos veciños” reivindicando que a Deputación se faga cargo da súa responsabilidade. “Non estamos a pedir algo descabellado, tan só queremos que mentres a Deputación non se decida a asfaltar este treito, polo menos se faga cargo do seu mantemento para garantir o tránsito cun mínimo de seguiridade. Non penso que sexa necesario tanto papeleo para conseguir que o organismo provincial se digne en tapar unhas fochas, senón que máis ben se trata dunha cuestión de simple decencia, compromiso e comprensión cós veciños” sinalou Villares. O alcalde avanzou que o Concello remitirá o custe destes arranxos á Deputación.

Exit mobile version