Site icon Crónica3.com A Mariña

O Conselleiro de Industria falou en Burela sobre a crise e apostou por poñer en marcha unha lei de caixas

BURELA .- O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, acompañado dos responsables do BNG na comarca da Mariña mantivo un encontro onte á noite en Burela con empresarios da comarca para analizar os problemas que están a sufrir coma consecuencia da crise económica e para establecer e analizar as medidas que se están a tomar tanto desde o goberno do Estado como desde o goberno galego, e as alternativas de futuro que propón o BNG para levar adiante unha reactivación económica e superar esta crise na que estamos inmersos.

O Bloque Nacionalista Galego propón a creación do Instituto de Crédito Oficial Galego que “poida ser a canle de financiamento dos proxectos que vaian acometer as empresas e unha das maiores viabilidades para que o crédito chegue ás familias e tamén ás empresas. Esa é unha proposta que xa fixo no seu día o BNG e que nós consideramos urxente e prioritaria e de feito vai estar moi presente nas vindeiras eleccións autonómicas”, explica o deputado autonómico, Manuel Parga. Os nacionalista queren que ese Instituto de Crédito Oficial Galego “supere o marco de actuación do IGAPE. Pode ser un instrumento moi eficaz xunto ás institucións de capital risco que teñen as caixas de aforro do noso país. Ese instrumento daría moitas posibilidade de financiamento e moito osíxeno ás empresas que agora tanto o necesitan”.

Outra das propostas do BNG “para orientar a economía produtiva do país… a que podamos manter por nós mesmos na medida do posible os nosos sectores produtivos e non estar sempre dependendo das decisión que se tomen desde fora. Trátase da lei de caixas, onde as caixas teñan unha orientación e unha participación por parte das institucións galegas para que gran parte das súas actividades teñan relación e conexión cos intereses estratéxicos e económicos do noso país”. Manuel Parga engade que “todos sabemos que as caixas teñen unha función social e tamén unha función investidora e con esta lei de caixas esa función investidora se pode e se debe orientar cara os intereses produtivos e que as caixas non funcionen coma os bancos porque en todo este tempo adicaronse a canalizar unha grande parte das súas inversión cara actividades especulativas”.

Parga Núñez considera que as medidas que se están adoptando por parte do goberno estatal e dos gobernos europeos para facer fronte á crise “con esa inxección masiva de cartos para salvar o sistema financeiro pois non está chegando a quen ten que chegar realmente que son as empresas para que poidan ter liquidez, acometer novos proxectos e afrontar o día a día”.

Exit mobile version