Site icon Crónica3.com A Mariña

O Noitebús ten en servizo sete liñas na comarca durante o Nadal

A MARIÑA .- O servizo de Noitebus ten activas sete liñas na comarca cubrindo as rutas Ribadeo – Muimenta, Viveiro – Muimenta, Meira – Riotorto – Ribadeo, Ferreira – Alfoz – Ribadeo, Ferreira – Alfoz – Muimenta, Viveiro – Ribadeo e Cadramón – Alfoz – Foz. Este servizo depende da Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia que “recomenda aos mozos e mozas que fagan uso do Noitebús nos seus desprazamentos durante as datas de Nadal”.O prezo do billete é de 2 euros durante toda a noite e o calendario, horarios e paradas de todas as liñas dispoñibles poden consultarse na web

FONTE

O Noitebús terá en servizo este Nadal 130 liñas en toda Galicia

Política Territorial fai un chamamento aos xoves para que gocen dun ocio seguro nestas datas e utilicen este servizo nos seus desprazamentos nocturnos

O prezo do billete é de 2 euros durante toda a noite e o calendario, horarios e paradas de todas as liñas dispoñibles poden consultarse na web www.cptopt.xunta.es

No que vai de ano o Noitebús transportou a de 210.000 viaxeiros

Santiago, 20 de decembro de 2008.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes recomenda aos mozos e mozas que fagan uso do Noitebús nos seus desprazamentos durante as datas de Nadal. No compromiso do Goberno Galego coa seguridade viaria, a Dirección Xeral de Transportes informa de que este servizo -que se mantén de xeito permanente ao longo do ano en moitas rutas- será reforzado durante estas datas. En total serán 130 liñas, das que 119 xa viñan funcionando de xeito habitual ao longo do pasado outono e outras 11 engadiranse os vindeiros días, tal e como solicitaran concellos e empresas.

O Noitebús é unha das medidas incluídas no Plan Galego de Seguridade Viaria 2006-2010 da Xunta de Galicia coordinado pola CPTOPT a través do Comisionado de Seguridade Viaria co fin de atallar a siniestralidade nas estradas. Precisamente, dado que as festas do Nadal son unha das épocas nas que se rexistran maiores desprazamentos nocturnos, Política Territorial fai un chamamento aos mozos a empregar o Noitebús como unha alternativa segura, cómoda e asequible respecto ao uso do vehículo privado, e, sobre todo, como unha medida que, singularmente, vai dirixida a mellorar a seguridade viaria dos máis novos e, por tanto, reducir a siniestralidade en desprazamentos realizados no tempo de lecer.

Para acadar a consolidación deste servizo que se iniciou como experiencia piloto en 2006, a Consellería de Política Territorial habilitou este ano unha liña de axudas dotada con 4,2 millóns de euros (o triplo que en 2007) dirixida a concellos e empresas operadoras interesados en implantar servizos de transporte nocturno baixo a marca Noitebús ata xullo de 2009. O que non varía é o custo do billete que será, en todos os casos, de 2 euros, importe que dará dereito á utilización sen límite de veces do servizo ao longo dunha mesma xornada.

210.000 viaxeiros no que vai de ano
O servizo de Noitebús transportou no que vai de ano e ata o 30 de novembro a 210.000 pasaxeiros. O Noitebús consolídase polo tanto como alternativa real e segura ao emprego do vehículo privado e, sobre todo, como unha medida que mellora a seguridade viaria das mozas e mozos e que contribúe a reducir a sinistralidade nos desprazamentos nocturnos.

Exit mobile version