Site icon Crónica3.com A Mariña

O pleno de Riotorto interesase pola estrada de Marco de Álvarez a As Rodrigas

RIOTORTO .- O pleno de Riotorto acordou por unanimidade de tódalas formacións políticas “pedirlle á Deputación que nos informe sobre o estado no que se atopa o proxecto para mellorar a estrada que une o Marco de Álvarez coa capital do noso concello, As Rodrigas, así coma a previsión orzamentaria que hai neste momento e os prazos de execución que se manexan”, segundo explica o alcalde, Federico Gutiérrez. Riotorto tamén insta á institución provincial para que axilice os trámites necesarios de cara a realizar as obras na maior brevidade posible.

Segundo explica o rexidor nacionalista  “o PP presentou unha moción reclamando a execución de ditas obras que non podíamos aceptar nos termos que propoñía xa que querían que se fixesen tal e como foron adxudicadas e proxectadas polo anterior goberno da Deputación. Para nós non era asumible tal cal o contido da moción porque esas obras foron adxudicadas por Francisco Cacharro un mes antes da celebración das eleccións municipais con cargo a un crédito bancario e sen que existise consignación orzamentaria. De aí que propuxésemos un cambio na petición a cursar á institución provincial porque entendiamos positivo, iso si, que se reclame por unanimidade de tódolos grupos políticos esa execución xa que se trata dunha estrada estratéxica e vital para o desenvolvemento económico e o benestar de Riotorto xa que nos comunica coa cabeceira de comarca que é Meira e coa capital da provincia”.

Federico Gutiérrez Estoa engade que “os populares tamén reclamaban a execución da estrada que vai de Augaxosa a Vilar de Santiago, pero decidimos deixar esta petición para outro momento porque non se trata dunha obra prioritaria para o noso concello”.

Na mesma sesión plenaria, segundo conta o rexedor de Riotorto “o Partido Popular pedía a execución das obras do centro de interpretación de ferreiros no Mazo da Fraga anunciadas fai uns meses na prensa pola Consellería de Medioambiente. Aprobouse este punto aínda que eu xa fixen, como Alcalde, a solicitude correspondente hai un par de meses para saber as previsións orzamentarias e os prazos de execución das obras por parte da Consellería”.

Exit mobile version