Site icon Crónica3.com A Mariña

O popular Balseiro na prsentación da asociación Mulleres en igualdade de Cervo

Nota de Prensa

O secretario xeral do Partido Popular de Lugo participou na presentación desta entidade que xorde a iniciativa dun grupo de cervenses comprometidas co papel da muller no século XXI

BALSEIRO OROL APADRIÑA A NOVA ASOCIACIÓN MULLERES EN IGUALDADE DE CERVO

•    Pronto comezará a ofertar conferencias, seminarios e cursos de formación para preparar ás mulleres na iniciación laboral e ante a discriminación que poidan sufrir no posto de traballo

Cervo 13 de decembro de 2008.- A nova asociación Mulleres en Igualdade de Cervo presentouse publicamente na tarde de hoxe da man do secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro Orol. A dirección desta nova organización está presidida por Elísabet Peña, acompañada de  Fátima Vázquez (secretaria xeral) e Eugenia Piñeiro (tesoureira) e as vocais  Montserrat Méndez, Teresa Mesa, Mª Josefa López, Mª Pilar Iglesias, Adela López,  María Perez, Mª Angeles Prieto e Mª Luisa Varela.

Mulleres en igualdade xorde da iniciativa dun grupo de cervenses preocupadas polo papel da muller no século XXI e que toman como premisa reclamar que se cumpra o valor da igualdade presente na Constitución.

A presidenta, Elísabet Peña sinala como eixos de acción a defensa dos dereitos das mulleres na sociedade, a denuncia da discriminación por razón de xénero así como calquera dos actos que atenten contra a dignidade da muller.

Ofertan a súa axuda ás vítimas da violencia machista e aos seus fillos, e anuncia que levarán a cabo xornadas de formación. Ao mesmo tempo ofrecen un asesoramento para que as mulleres estean máis preparadas para a inserción laboral.

Mulleres en Igualdade, a antiga Federación Nacional de Mulleres para a Democracia, é unha organización non gobernamental, sen ánimo de lucro, de ámbito nacional, declarada de Utilidade Pública, membro integrante de Nacións Unidas e do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.

Os obxectivos fundacionais de Mulleres en Igualdade son o fomento da participación da muller en todos os sectores da vida pública, a defensa dos seus dereitos e intereses, a súa información e formación, e o desenvolvemento de programas de apoio ás mulleres en risco de exclusión social.

Exit mobile version