Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP calcula que A Mariña “pasaría a recibir 74 millóns de euros” coas súas propostas

NOTA DE PRENSA

As emendas dos populares “suman en vez de restan” a diferenza do que veñen facendo PSOE e BNG desde a Xunta, pois reducen progresivamente os investimentos para obras e servizos concretos na nosa comarca

A MARIÑA LUCENSE PASARÍA A RECIBIR 74 M€ PROCEDENTES DE FONDOS AUTONÓMICOS DE PROSPERAR AS EMENDAS QUE HOXE DEFENDE O PPdeG NO PARLAMENTO DE GALICIA

• Os populares emprazan a Ismael Rego -quen criticou as emendas do PPdeG- a que explique as actuacións que ao seu entender deben deixarse de executar das preto de 150 que o PPdeG propón levar adiante no 2009
A Mariña, 16 de decembro de 2008.- Hoxe comeza a sesión plenaria do Parlamento de Galicia que ten por obxecto o debate e posterior aprobación, se procede, das contas autonómicas para 2009. De aprobarse as propostas de gasto formuladas polo PPdeG, a través das súas emendas, a nosa comarca pasaría de recibir máis de 74 millóns de euros para obras ou servizos con destino concreto nos distintos concellos da Mariña. Deste xeito, multiplicaríase a cifra dos 14,9 millóns de euros que na actualidade a Xunta bipartita prevé achegar en fondos autonómicos para o ano próximo.

O PPdeG SUMA EN VEZ DE RESTA

O deputado popular Balseiro Orol clarexa que o que fan as emendas formuladas polo PPdeG e achegar máis cartos para A Mariña e nunca detraer diñeiro ou paralizar investimentos. “Os populares sumamos en vez de restamos, a diferenza do que veñen facendo desde a Xunta bipartita ano tras ano”

De feito, nas pasadas semanas o PPdeG cifrou en 60 millóns de euros a débeda do Goberno bipartito coa Mariña lucense e, sobre esta base, rexistrou preto de 150 emendas aos orzamentos da comunidade autónoma de Galicia para 2009.

RÉPLICA A REGO

Ao mesmo tempo que realizan estas afirmacións, os populares aproveitan para replicar as críticas recibidas polo deputado socialista Ismael Rego que amosou a súa desconformidade coas emendas do PPdeG.

 

REGO: CARECE DE COMPROMISO COA MARIÑA

Balseiro sinala a Rego como o exemplo máis evidente dun político que carece de compromiso coa súa comarca e entenden que non está lexitimado para falar sobre as previsións de investimento da Xunta de Galicia no ano próximo pois, a día de hoxe, nin ten explicado cales son as partidas específicas ás que o Goberno galego achegará cartos durante o 2009, nin tampouco tivo a valentía de aceptar o debate público ao que, para abordar esta situación, foi emprazado en diversas ocasións.
QUE É O QUE O PSOE QUERE QUE DEIXEMOS DE PEDIR

Os populares van aínda máis lonxe na defensa das súas emendas e reclaman aos socialistas que identifiquen os gastos que a Xunta non debera executar. “¿Quizás deberamos deixar de reclamar a ampliación do hospital, ou dicir non aos máis de 14 millóns de euros que reclamamos para o corredor?. ¿Quizás os socialistas queren rexeitar os máis de dous millóns de euros que demandamos para levar adiante proxectos de vivendas a prezos accesibles, ou para a posta en marcha das vivendas sociais do barrio dos Muiños en Mondoñedo?.  ¿Ou pola contra queren que eliminemos, por exemplo, os tres millóns de euros para a recuperación do barrio do Celeiriño anegado pola cobiza urbanística socialista? Que nos expliquen que é o que non queren facer.”
CATRO ANOS DE XUNTA BIPARTITA “E NON TEÑEN FEITO NADA”

Segundo o deputado popular, Balseiro Orol, que os socialistas rexeiten as emendas formuladas polo PPdeG alegando que “o estado administrativo dalgún destes proxectos está na súa fase inicial” é tanto como recoñecer que durante estes catro anos a Xunta bipartita “non ten feito nada”. Precisamente por iso os populares entenden que chegou o momento do cambio e de rexeitar a política daqueles formacións, como son as do bipartito, que esquecen as prioridades da nosa comarca, que deixaron de crer na Mariña lucense.
MÁIS INVESTIMENTO, MÁIS EMPREGO, MÁIS RIQUEZA

Finalmente desde o PPdeG subliñan que aumentar o investimento da Xunta na Mariñá lucense actuará en senso contrario ao que pretenden facer crer os socialistas, isto é, “dinamizando a nosa economía, contribuíndo deste xeito a xerar novas oportunidades de emprego e, con todo isto, favorecendo a superación da actual crise”

Exit mobile version