Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP interesado en que PSOE e BNG recoñezan a incidencia da crise na comarca

Nota de Prensa

O deputado do PPdeG José Manuel Balseiro lémbralles a socialistas e nacionalistas que é a súa responsabilidade, como partidos de Goberno, poñer en marcha os mecanismos necesarios para paliar o actual contexto de grave crise e acúsalles de votar en contra a todas e cada unha das medidas e solucións que, dun xeito construtivo, foron propostas polo PP
OS POPULARES RECLAMAN A PSOE E BNG QUE ABANDONEN O AUTOENGANO E RECOÑEZAN DUNHA VEZ A INCIDENCIA REAL DA CRISE NA COMARCA

* Son as propias estatísticas oficiais publicadas pola Consellería de Traballo as que avalan a alerta realizada polos populares nas pasadas datas: Cada un dos días do mes de novembro 10 novos mariñáns perderon o seu emprego e pasaron a engrosar a lista do INEM.

* O paro en Galicia aumentou por enriba da media nacional nos dous últimos meses do ano revelando a insolvencia do discurso e da estratexia económica de Touriño e de Quintana, que ata hai pouco presumían dun plus de resistencia fronte á crise e de xogar na liga das estrelas.

A Mariña lucense, 10 de decembro de 2008.- Tal e como fixo no seu momento o Goberno de Zapatero, o Executivo bipartito de Galicia a través dos seus deputados Ismael Rego (PSOE) e Manuel Parga (BNG) ven de negar a incidencia real da crise na nosa comarca e con elo, a posibilidade de poñer en marcha mecanismos necesarios que axuden a paliar o complicado contexto actual. Ao menos está é a impresión dos populares que non entenden que se lles acuse de alarmismo polo feito de poñer en evidencia a realidade que están a amosar todos e cada un dos indicadores económicos.

PLUS DE PACIENCIA DOS MARIÑÁNS ANTE UN GOBERNO SUPERADO

De feito, as últimas estatísticas oficiais sobre o desemprego, tanto na nosa comunidade como no conxunto da comarca, invitan ao bipartito a abandonar o autoengano e a dicir definitivamente que non hai un plus de resistencia, senón un plus de paciencia dos veciños da Mariña e do resto dos galegos que cada día engrosan as listas do INEM. Segundo o PPdeG o vertixinoso ritmo de destrución de emprego -“desbocado e sen freos”- que se está a rexistrar releva a insolvencia do discurso e da estratexia económica de Touriño e de Quintana, que ata hai pouco presumían de resistencia fronte á crise e de xogar na liga das estrelas e que hoxe están a verse superados polos acontecementos.

DESTRUCIÓN DE EMPREGO AVALADA POR DATOS OFICIAIS DA CONSELLERÍA DE TRABALLO

Os populares recordan a nacionalistas e socialistas que son os propios datos ofrecidos pola Consellería de Traballo -que poden ser consultados ademais na propia páxina web deste departamento autonómico- os que avalan a alerta realizada nos pasados días desde o PPdeG.

En clave comarcal, as cifras oficiais demostran que cada un dos días do pasado mes de novembro destruíronse 10 novos empregos na nosa comarca, elevando o número total de parados a 3.467 persoas, isto é un 15% superior á taxa rexistrada fai un ano. Con especial preocupación os populares subliñaban o feito de que o 60% das persoas sen emprego son mulleres e que a maiores, a destrución de emprego non só se limitaba a rexistrar a sangría de empregos na construción, senón que afectaba a todos e cada un dos sectores produtivos: industria, servizos, e colectivo de parados sen emprego anterior.

Sen eludir entrar en comparacións, os populares engaden o paro en Galicia aumentou por enriba da media nacional nos dous últimos meses. De feito, en outubro, o paro medrou en Galicia nun 7,39%, rebasando a media estatal situada nun 7,34% e, en novembro, confirmouse esta tendencia pola que o paro aumenta a maior ritmo na nosa comunidade ca no resto de España, con crecementos do 7,36% e do 6,08%, respectivamente. No último mes 413 galegos perderon o seu emprego ante a parálise do Goberno autonómico.

Segundo os populares, se os deputados Rego e Parga do bipartito chaman alarmar a empregar as estatísticas oficiais que o mesmo Goberno galego do que os seus partidos forman parte publica, deberían facer dúas cousas: ou ben desmentilas e reclamar o cese inmediato ao Conselleiro de Traballo por ofrecer cifras falsas, ou ben recoñecer a realidade e asumir cada un destes datos.

BRAZOS CRUZADOS FRONTE A CRISE

Pero sen lugar a dúbidas a crítica máis contundente que realizan os populares vai dirixida ao feito de que, negando a crise, tamén se están a negar as posibles solucións que se propoñen. A socialistas e nacionalistas desde o PPdeG se lles recorda que forman parte do Goberno e, precisamente por exercer esta responsabilidade acúsalles de aplicar unha política de brazos cruzados.

“Non só non están a facer o suficiente” -explica Balseiro Orol- “senón que ademais, votan en contra a cada unha das medidas que dun xeito construtivo propoñemos desde o PPdeG. Os populares sabemos como solucionar a crise porque xa o fixemos no pasado e, desde esa experiencia plantexamos unha serie de propostas” que de seguido relacionan:

PLAN DE AUSTERIDADE DO GASTO PÚBLICO NON SOCIAL

Facer un Plan de Austeridade importante do gasto público. Este plan suporía un aforro de 120 millóns de euros, 20.000 millóns de pesetas, que se destinarían a investimentos para incrementar o emprego. Ademáis con el garantiríase de igual xeito o 100% do gasto social pero diminuiría un 1% os gastos burocráticos e de funcionamento da Xunta de Galicia. “Isto é abandonar a política de máis e mellores coches oficiais e despachos de último modelo aplicando un maior rigor no gasto”

MEDIDAS FISCAIS: NOVAS DEDUCIÓNS DE VIVENDA

En segundo lugar, é necesario por en marcha un paquete de medidas fiscais, que axude ás familias hipotecadas cunha vivenda, o cal beneficiaría ás máis de 200.000 persoas que na actualidade teñen subscrito un préstamo hipotecario. Esta iniciativa consistiría nun incremento de deducción por vivenda do 15% ao 25%, o cal se traduce nun aforro medio por ano de 800 euros.

MENOS IMPOSTOS PARA PEMES E AUTÓNOMOS

Finalmente, no que se refire ao colectivo de autónomos e PEMES, o PPdeG aposta por unha baixada dos impostos (incremento do 5% ao 8% a porcentaxe de provisións e reducindo á metade o prazo para recuperar o IVE de facturas incobrables). Do mesmo xeito, é preciso reducir o imposto de sociedades, xa que na comunidade págase o dobre que en Portugal no imposto das pequenas e medianas empresas o que favorece a fuxida de postos de traballo en detrimento do país veciño

Por desgraza, cada unha destas e outras medidas atopáronse coa oposición de socialistas e nacionalistas que prefiren actuar a base de improvisación e medidas de marcado carácter propagandístico, pero pouco efectivas para solventar a actual crise ao longo prazo. Neste senso, poñen por exemplo, o plan de limpeza electoral de cunetas, “que é pan para hoxe e fame para mañá”

Exit mobile version