Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o PP o Corredor da Costa recibirá un 45% menos de investimento que no 2008

NOTA DE PRENSA
Balseiro Orol realizou en rolda de prensa unha valoración das contas autonómicas e estatais para o ano próximo despois de que foran definitivamente aprobadas. Segundo o deputado popular ambos orzamentos evidencian a marxinación dos veciños da nosa comarca que reciben menos cartos ca no 2005, última etapa de Goberno do Partido Popular
O CORREDOR DA COSTA RECIBE DA XUNTA UN 44,6% MENOS EN INVESTIMENTOS RESPECTO DO PREVISTO NOS ORZAMENTOS DO 2008

* Segundo a previsión plurianual contida nas contas autonómicas para 2008 a vía de alta capacidade entre Ferrol e San Cibrao tería que contar con 12,4 M€ cando en realidade tan só achegan 6,8 M€

* Balseiro Orol salienta o grave desprezo que supón que PSOE e BNG votaran en contra da emenda popular pola que se reclamaba achegar un millón de euros para a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico xeral comercial

* Os populares reafirman o seu compromiso cos veciños do barrio do Celeiriño: O futuro Goberno galego presidido por Alberto Nuñez Feijóo achegará os investimentos e os medios técnicos suficientes para que poidan recuperar os seus fogares. Todo iso a diferenza do bipartito actual que, desde a Xunta, non adica un so euro para axudar a estas persoas, nin asumen a súa responsabilidade por permitir os desvaríos urbanísticos do Alcalde socialista de Viveiro.

A Mariña, 23 de decembro de 2008.- A vía de alta capacidade (VAC) entre Ferrol e San Cibrao, nos treitos que transcorren pola provincia de Lugo reciben da Xunta de Galicia un 44,6% menos en investimentos respecto do previsto nos orzamentos do 2008. Se as contas autonómicas do presente exercicio prevían achegar para o ano próximo 12,4 M €, a realidade é que nos orzamentos xerais recentemente aprobados a consignación é moi inferior: 6,8 M € euros -4.865.502 para obras e 2.000.000 máis para expropiacións-

“En tan só un ano A Mariña perdeu máis de 5,6 millóns de euros para o que dicían era un compromiso estratéxico da Xunta: o corredor da costa”-explica Balseiro Orol.

VALORACIÓN DAS CONTAS ESTATAIS E ATONÓMICAS

Os devanditos datos foron ofrecidos polo deputado popular Jose Manuel Balseiro no transcurso dunha rolda de prensa na que valorou a incidencia das contas autonómicas e estatais, recentemente aprobadas, na Mariña lucense. Para o deputado popular ambas administracións están a marxinar aos veciños da Mariña que hoxe reciben menos cartos ca no 2005, última etapa de Goberno do PP na Xunta.

Os populares salientan dous datos moi significativos para apoiar o seu discurso: En primeiro lugar, o rexeitamento da totalidade das emendas populares, que suporían a achega de 60 millóns de euros adicionais para obras e investimentos con destino determinado na nosa comarca. “Con este comportamento PSOE e BNG impiden compensar a débeda que o bipartito mantén coa Mariña lucense ao longo desta lexislatura” E, en segundo lugar, explicaron que durante os catro anos de Goberno bipartito a suma dos investimentos que deixaron de executar ascende a 100 millóns de euros, cantidade que deberan ter investido na nosa comarca pero que se corresponde con actuacións que nunca se chegaron a cumprir (o propio corredor, a ampliación do hospital, investimentos en portos e polígonos empresariais, …)

PSOE E BNG NEGAN UN MILLÓNS DE EUROS PARA O PORTO DE ALCOA

No referente as contas estatais Balseiro Orol criticou que nin PSOE nin BNG tiveran a responsabilidade de aprobar a emenda a través da que o Partido Popular reclamaba máis dun millón de euros para a apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral. Especialmente salientable é o feito de que o BNG non apoiara esta emenda despois de ter convocado, nos pasados meses, unha manifestación que tiña por obxecto esta reclamación.

Balseiro Orol tamén destacou o esquecemento ao que o Goberno galego parece ter condenado ao treito de competencia estatal do corredor entre San Cibrao e Barreiros. Desde que o PSOE está na Moncloa, sempre coa complicidade do BNG que ano a ano apoiou as súas contas xerais, non se ten investido un só euro neste proxecto e o seu estado administrativo é similar ao que tiña fai anos, cando foi promovido polo último goberno do PP.

SANIDADE EN RETROCESO

En relación coa sanidade, o PPdeG salienta o feito de que o Hospital da Costa é o único centro sanitario especializado da nosa comunidade que non ten unha consignación específica para facer efectivo o seu plan funcional. “Parece ser que gastaron todos os cartos no acto de propaganda no que falaron da mellora do hospital e da ampliación da súa estrutura e agora non teñen o suficiente e dos prometidos 6 M€ tan só achegan 680.000”

“Esta lexislatura pasará a historia non como a da segunda ampliación do hospital (a primeira a fixo un Goberno do PP) senón como a que maior deterioro provocou no sistema sanitario público” -explicou Balseiro- quen tamén exemplificou este empeoramento lembrando a perda do servizo de pediatría nos concellos de Alfoz e O Valadouro, o incumprimento respecto do PAC de Foz e o feito inédito de que os centros de saúde e médicos de atención primaria acumulan, por primeira vez na súa historia, listas de espera de igual xeito que acontecía hoxe nos hospitais.

COMPROMISO CO CELEIRIÑO

Finalmente Balseiro Orol explicou que, malia que se esforcen por ocultalo, as contas de PSOE e do BNG para o ano próximo non contemplan nin un só euro para rehabilitar o barrio de O Celeiriño. Nin Touriño nin Quintana destinan un só céntimo dos recursos públicos “para recuperar un barrio en perigo pola avaricia urbanística do Sr Roel e do seu equipo de Goberno”

A diferenza deles un futuro Goberno da Xunta presidido por Alberto Nuñez Feijóo ten o compromiso e a responsabilidade de implicarse na solución. “Nos cen primeiros días a Xunta do PPdeG achegará os medios técnicos e os recursos económicos suficientes para lograr que os veciños do Celeiriño recuperen os seus fogares” -indicou Balseiro Orol facendo explícito este compromiso.

O deputado popular non deixou de lembrar que o seu Grupo Parlamentario vén reclamando ao longo destes catro últimos anos que “se controlaran os disparates urbanísticos do Goberno municipal de Viveiro, -concesión de licenzas con informes técnicos desfavorables e por silencio administrativo- Nada diso se ten feito e hoxe sufrimos as consecuencias. A Xunta polo tanto foi “cómplice necesario” desta situación e tamén debe asumir a responsabilidade de corrixir as consecuencias que desta se derivaron.

Exit mobile version